O Mago Antón recupera a Facundo en “Dálle maxia” que arranca en Foz

“Dálle maxia” é o novo espectáculo do Mago Antón que se presenta o 29 de decembro na Casa da Cultura Poeta Manuel María de Foz. Antón recupera ao popular Facundo, moi crítico cos tempos que vivimos. 

Mago Antón
photo_camera Mago Antón

Os tempos están para que Facundo regrese e fale claro. O popular moneco ao que lle daba vida o Mago Antón regresa ao seu espectáculo para falar alto e non calar diante da morea de cousas do noso tempo coas que non concorda este vello retranqueiro que levaba tempo sen aparecer nos escenarios. O regreso será en Foz, na Casa da Cultura Poeta Manuel María onde o próximo 29 de decembro o Mago Antón presentará o seu novo espectáculo “Dálle maxia”, nun acto organizado pola Asociación Cultural Pomba do Arco e que levará a distintas comarcas galegas ao longo de 2014. 

En “Dálle maxia”, Antón ofrece novos trucos que incorpora ao seu repertorio e sube ao escenario acompañado doutros cinco magos, nunha proposta colectiva que dá idea da altura que as artes máxicas acadan no país. Canda eses novos números que sorprenderán ao público, Antón mantén outros que lle deron a fama e popularidade que posúe, alén do agardado regreso de Facundo, personaxe que perdura na memoria colectiva porque conseguiu na súa vida, xa longa, unha singular relación afectiva co público. Farruco regresa e promete falar converténdose, máis unha vez, en analista crítico e satírico da nosa actualidade. 

Comentarios