Magda Oranich: na defensa da loita contra o franquismo

A avogada Magda Oranich. (Foto: Xan Carballa)
Muller dunha actividade infatigábel, a avogada Magda Oranich (Barcelona, 1945) estivo en Vigo e Santiago participando nos actos de homenaxe aos fusilados o 27 de setembro de 1975. Oranich formou parte da defensa en importantes procesos xudiciais no final do franquismo e nos anos da transición política. Feminista convencida, representante política en diferentes foros e organizacións, o seu último cargo foi como deputada no Parlament por Junts en 2017. Tamén foi directiva do Barça e unha das persoas que impulsaron a ILP contra a tauromaquia en Catalunya.

—Vostede estivo de avogada defensora en dous procesos xudiciais importantes no final do franquismo, os que finalmente levaron ás execucións de Salvador Puig Antich, o 2 de marzo de 1974, e o de Jon Paredes Manot 'Txiki', o 27 de setembro de 1975.
Os dous teñen a característica de ter sido enxuizados por medio duns consellos de guerra cheos de irregularidades e, como axiña vimos, con condenas predeterminadas. Naquel tempo usaban a vía do consello de guerra militar pola rapidez do procedemento, os límites á defensa e porque, ao contrario da xustiza civil, non había lugar a apelacións e todo dependía da decisión última que tomara o ditador. Podemos imaxinar facilmente como se realizaron eses procedementos. No caso de Puig Antich o policía que morreu durante a detención, Francisco Enguas, tal como se produciu a detención posibelmente recibiu o tiro doutro policía, pero aínda sendo a súa morte a que motivou a condena, ese aspecto clave non se puido aclarar porque a autopsia foi irregular e insolitamente realizouse sen garantías nunha comisaría. A outra diferenza, dunha crueldade total, foi o método de execución, a Salvador polo denominado garrote vil, mentres que Txiki foi fusilado.

—Como chegou á defensa de Txiki?
No verán de 1975, finais do mes de xullo, un grupo de avogados estabamos de feiras en Dinamarca. Tocabamos traballar en agosto e eu estaba pendente do despacho, chamei e déronme aviso de que o avogado vasco Juan María Bandrés tiña moita urxencia en falar comigo. Chameino decontado e pediume que aceptase a defensa dun detido en Barcelona. Deume todos os datos e textualmente comentou "non te preocupes porque é unha segunda figura". Tiven unha longa entrevista con Txiki na Modelo [a prisión de Barcelona] e aquel mesmo día notificáranlle diversas resolucións do Xulgado. Estudeinas co vagar que era posíbel naquela situación. A verdade é que saín da cadea coa absoluta convicción de que sería executado. O sumario da causa contra el e moitos outros era extenso e con acusacións a eito. O Xulgado Militar desagregara da causa varias páxinas que facían referencias a Txiki e só se seguiu con el o proceso con carácter de urxencia. De feito o resto dos involucrados acabarían saíndo libres menos de dous anos despois coa lei de Amnistía.

Os compañeiros das diferentes defensas comentáramos que o réxime, e en especial Franco, estaba a meter presa á causa de Txiki e despois soubemos que pretendían executalos a todos, no mesmo día, aos tres do FRAP en Madrid, a Otaegui en Burgos e a Txiki en Barcelona.

[Poderás ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 4 de outubro. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]