Luís Seoane, a figura distinguida co Día das Artes Galegas 2019
Como escritor —nomeadamente poeta—foi honrado co Día das Letras Galegas 1994. Agora vaino ser como pintor e gravador co Día das Artes Galegas 2019, após o acordo adoptado por unanimidade polo plenario do Academia Galega das Belas Artes, realizado no edificio Fonseca, en Compostela.
Luís Seoane (Bos Aires 1910- A Coruña 1979) é unha personalidade poliédrica, unha das máis relevantes da cultura galega durante o século XX. Escritor, xornalista, activista en múltiples campos e, sobre todo e ante todo, pintor, talvez o maior vulto da pintura galega na pasada centuria.
Seoane —militante do Partido Galeguista durante a II República e exiliado en Bos Aires após o golpe fascista— é a segunda figura da cultura galega —a primeira foi Afonso Daniel Rodríguez Castelao— que ten sido distinguido quer co Día das Letras quer co Día das Artes Galegas.
O Día das Artes Galegas foi instituído en 2015 e conmemórase o 1 de Abril. Até agora os nomes homenaxeados foron os do Maestro Mateo (2015), Castelao (2016), Maruxa Mallo (2017) e Alejandro de la Sota (2018).
Nota: a imaxe corresponde ao lenzo "Mar Bravo", óleo de 1964.