A Luís Seoane pecha até abril, cando regresará con mostras de Seoane e Maside

A Fundación Luis Seoane cumpre 20 anos e celébrao acometendo até o vindeiro mes de abril a restauración  da cuberta da súa sede, o que o levará a pechar parte das salas de exposicións. 

fund-seoane
photo_camera Fundación Luís Seoane

O 2016 é un ano especial para a Fundación Luis Seoane, xa que o vindeiro 14 de maio cúmprense 20 anos da aprobación definitiva dos seus estatutos, o que daría pé ese msmo ano á sinatura dun convenio entre a viúva de Luís Seoane, María Elvira Fernández López, e o Concello da Coruña, co que se creaba unha fundación coa fin de que acollese, investigase e difundise un legado excepcional composto por máis de douscentos óleos, a totalidade da obra gráfica, libros e documentos persoais de Luis Seoane (Bos Aires 1910-A Coruña 1979), recompilado e custodiado ata ese momento pola que fóra a súa compañeira inseparable durante décadas. 

Vinte anos e máis de cen exposicións despois, a Fundación Luis Seoane inicia unha serie de traballos de rehabilitación da súa sede permanente tras os que se inaugurarán o vindeiro mes de abril dúas grandes exposicións centradas, por un lado, na importancia e singularidade do legado de Luis Seoane, e por outro na relación que éste mantivo con outro dos grandes artistas galegos do século XX, Carlos Maside, ao que consideraba o seu mestre. Ambas as dúas mostras permanecerán abertas ao público até o mes de xullo, e acollerán os actos oficiais de celebración do 20 aniversario da creación da Fundación Luis Seoane o sábado 14 de maio. 
 
Ao longo de tres meses, as salas de exposicións da Fundación Luis Seoane non estarán abertas ao público, o que non impedirá que a programación da Fundación, aínda que reducida con respecto ao seu funcionamento normal, se manteña a través das súas actividades pedagóxicas e doutros actos que se desenvolverán nas partes do museo non afectadas polas obras. 

Comentarios