A decisión coñecerase o 24 de xuño

Seoane, Palacios, De la Sota e Fernández Argüelles, candidaturas para o Día das Artes Galegas 2018

O Día das Artes Galegas 2018, que o presente ano protagoniza Maruxa Mallo, dedicaráselle a unha destas catro persoas: o arquitecto Alejandro de La Sota; o arquitecto Antonio Palacios; o artista Luís Seoane e o pintor Julio Argüelles. A decisión será adoptara pleno da Real Academia Galega de Belas Artes que terá lugar o 24 de xuño.

[Imaxe: Xurxo Lobato] Real Academia Galega de Belas Artes
photo_camera [Imaxe: Xurxo Lobato] Real Academia Galega de Belas Artes

O plenario da Real Academia Galega de Belas Artes, que se reuniu na mañá do sábado, 29 de abril, na súa sede da Coruña, recibiu un total de catro candidaturas para o Día das Artes Galegas en 2018, segundo puido coñecer Sermos Galiza.

Trátase de Alejandro de la Sota, proposto polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza; Luís Seoane, apoiado pola Real Academia Galega e a Agrupación Cultura Alexandre Bóveda; Antonio Palacios, proposto por un grupo de académicos, e Julio Argüelles, proposto pola Sociedade Artística Ferrolana.

O artista ao que se lle dedique o Día das Artes Galegas o ano que vén será elixido na sesión plenaria que terá lugar o sábado 24 de xuño. Será entón cando se coñeza o nome da persoa que precederá Maruxa Mallo, a homenaxeada de 2018.

Alejandro de la Sota (Pontevedra, 1913-Madrid, 1996) foi o arquitecto de obras como o Colexio-Residencia da Caixa de Aforros Provincial de Ourense (1966-1967); do Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra (1966); da Biblioteca Universitaria de Santiago (1990) ou do Banco Pastor de Pontevedra (1974). Tamén foi o arquitecto de obras alén do país, como a Pedanía de Esquivel, en Sevilla; as Vivendas da Rúa Prior, de Salamanca, ou o Colexio Maior César Carlos, de Madrid.

Pintor, escritor e xornalista, Luís Seoane (Buenos Aires, 1919-A Coruña, 1979) deulle á plástica galega unha creatividade comprometida co seu tempo. O tamén debuxante, gravador, cartelista e deseñador de libros e cerámica é autor dunha obra tan extensa como as súas inquedanzas artísticas e intelectuais. As súas pinturas reflicten o amor a Galiza e universalizan paisaxes, símbolos e personaxes galegos. Foi o homenaxeado do Día das Letras Galegas en 1994.

Antonio Palacios (O Porriño, 1874-Madrid, 1945) é o arquitecto da casa consistorial do Porriño (1918); da Fonte do Cristo, no mesmo concello (1904); do monumento á Virxe da Roca en Baiona (1910); do Teatro García Barbón de Vigo (1926-1927); do Hotel-Sanatorio de Mondariz (1917) ou do Templo da Vera Cruz do Carballiño (1943-1960). Aliás, desenvolveu a súa traxectoria como arquitecto en Madrid con obras como o Gran Casino; o Palacio de Comunicacións; o Hospital de Jornaleros de Maudes; o edificio para o Círculo de Belas Artes ou o Banco do Río da Plata.

Julio Fernández Argüelles (Astorga, León 1923-A Coruña, 2002) é un dos grandes pintores galegos dos últimos anos e foi presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, así como un dos fundadores da editorial Citania en Buenos Aires en 1957. Argüelles foi quen promoveu as candidaturas da muralla de Lugo e, posteriormente, a da Torre de Hércules a Patrimonio da Humanidade.

Comentarios