Llerena Perozo: "O rural non está tan morto como nos contan. Hai xente nova orgullosa do seu territorio"

Llerena Perozo e Andrés Duro deixaron Compostela para se instalar en Silleda coa intención de buscar outra maneira de vivir máis acorde coa natureza. Na finca A Gargalleira, en Transfontao, partiron dunha horta ecolóxica e agora crearon un 'agroespazo' no que ofercer obradoiros e eventos culturais. A súa inauguración o vindeiro 4 de xullo promete. 
Llerena Perozo e Andrés Duro coa carpa ao fondo na que realizarán os eventos na Gargalleira (Nós Diario).
photo_camera Llerena Perozo e Andrés Duro coa carpa ao fondo na que realizarán os eventos na Gargalleira (Foto: Nós Diario).

-Cando deciden organizar un proxecto no rural?

Veño de traballar toda a vida en temas de produción e dinamización cultural, medio ambiente e feminismo. Nos últimos anos estaba no mundo editorial. Andrés vén do eido da educación. Queriamos atopar unha maneira de vivir diferente e, aínda que os dous estabamos satisfeitos dos nosos traballos, non o estabamos coas dinámicas. Andrés atopou este lugar e quedou namorado del.

Daquela chegou a Covid-19 e o confinamento. Se había algunha dúbida de querer cambiar o ritmo non só a nivel persoal senón tamén a nivel social, creo que iso foi moi determinante. Cando puidemos achegarnos ao Deza, viñemos. Puxemos unha tenda de campaña baixo un castiñeiro para durmir unha noite e pensar que faciamos. Non nos marchamos máis. 

-Foi decisiva a relación coa xente da contorna?

Para nós era o máis importante. Entendemos que hai un urbanocentrismo que nesta sociedade é a medida de todas as cousas. Un 10% da poboación vive no rural e un 90% nas vilas e cidades. Xérase unha urbanocracia e o urbano sitúase por riba do rural. Con esa idea chegamos nós aquí tamén. Logo descubrimos unha comarca moi rica como é o Deza, cunha poboación que ten un discurso moi diferente do que nos contaban. Hai moita xente maior, é certo, mais é moi activa, orgullosa e cun nivel relacional moi bonito. Existe o compañeirismo e o axudarse sen molestar nin inxerir no privado.  

-Como nace A Gargalleira?

Naceu soa. A Gargalleira é unha finca de 5 hectáreas que está entre Transfontao e Silleda. Era unha parte dos terreos que pertencían ao Pazo de Transfontao, unha propiedade familiar que nas últimas décadas pasou por varias mans e rematou por ser mercada por unhas empresas que se afundiron quedando en mans dunha inmobiliaria. Segundo nos contaron isto estaba destinado a ser un campo de golf. Fai linde cun río e co camiño de inverno a Santiago. 

Comezamos traballando o cultivo ecolóxico e foinos moi ben a primeira horta que sementamos mais  tampouco queríamos dedicarnos de maneira exclusiva ao sector primario. Polo camiño coñecemos á xente de aquí e entramos na realidade social, entendendo como funcionaban todas as súas dinámicas. Descubrimos que o rural non é tan pobre nin está tan morto como nos contaban. Hai moita xente nova que traballa, con negocios, orgullosa do seu territorio e de onde viven.

Daquela afianzamos a idea de facer formación de persoas adultas. Pensamos que o lugar era aberto, marabilloso para a concentración. Tamén a idea de crear unha programación cultural na carpa. 

-Cal é a razón de escoller unha carpa?  

Nós vivimos en dúas carpas. A primeira que montamos xa non está. Mercamos dúas tendas moi grandes no Reino Unido capaces de resistir no inverno temperaturas de -4º sen pasar frío dentro. Temos cociña e unha depuradora ecolóxica. Descubrimos que había outras máis grandes pensadas para eventos e nós queríamos contar cun espazo que non fora unha intervención permanente no territorio. Esta estrutura é fixa mais só hai que soltar os ventos, marchar e nuns meses ninguén sabería que estivemos aquí.  

-Que actividades teñen pensado organizar?

A idea é facer cursos e obradoiros de adestramento actoral, comunicación pública para mulleres,... mais tamén haberá eventos culturais e encontros relaxados, accesíbeis e cos mesmo contidos que poidas atopar en calquera cidade. Será cultura galega fundamentalmente, con moita música e literatura sen descartar artes escénicas e artes plásticas. 

Comentarios