A Libraría Cartabón celebra catro décadas defendendo a cultura galega

A Orquestra Bravú Xangai amenizou a festa en Vigo.
Acto de conmemoración do aniversario de Cartabón, esta quinta feira 17 de xullo. (Foto: Nós Diario)
Acto de conmemoración do aniversario de Cartabón, esta quinta feira 17 de xullo. (Foto: Nós Diario)

A Libraría Cartabón, referente da cultura galega en Vigo desde 1984, cumpriu esta quinta feira, 17 de xullo, 40 anos. A celebración do seu aniversario incluíu unha festa na Sala Radar desde as 19 horas, comezando cun pasarrúas desde o número 125 da rúa Urzáiz, no simbólico barrio dos Choróns. A Orquestra Bravú Xangai amenizou unha xornada festiva que homenaxea décadas de activismo cultural e promoción da literatura galega e en galego, co lema “Medre Cartabón!”.

A Cartabón naceu hai 40 anos, no 1984 e destaca por ter un gran fondo de libros en galego, ademais de pola súa oferta en actividades arredor da lectura. Cartabón é un símbolo no espazo cultural e literario galego que foi capaz de resistir ao longo das décadas, entregada ao libro en galego e cunha verdadeira paixón pola profesión.

"Estamos nun recuncho, nun barrio [O Calvario], no que manter o libro galego é dificilísimo. É unha loita e unha resistencia de 40 anos. Mais agora por fin chegamos ao momento de poder desfrutalo", sinalou a este xornal Maribel Tato, a responsábel da libraría canda Gonzalo Pérez.

Comentarios