A Libraría Cartabón celebra 40 anos como a 'casa grande' do libro galego

A Orquestra Bravú Xangai amenizará a festa de aniversario na quinta feira.
Un home olla libros na Cartabón. (Foto: Libraría Cartabón / José Gorís)
Un home olla libros na Cartabón. (Foto: Libraría Cartabón / José Gorís)

A Libraría Cartabón, emblema da resistencia cultural galega en Vigo, celebra o seu 40 aniversario cunha gran festa e concerto da Orquestra Bravú Xangai.

A cita será esta quinta feira, día 17, na Sala Radar da cidade olívica e comezará cun pasarrúas que sairá directamente ás 19 horas desde a libraría, situada no número 125 da rúa Urzaiz, no barrio dos Choróns, tamén coñecido como 'Rusia Chiquita', lugar de forte simbolismo obreiro e republicano.

A Cartabón naceu hai 40 anos, no 1984 e destaca por ter un gran fondo de libros en galego, ademais de pola súa oferta en actividades arredor da lectura. Cartabón é un símbolo no espazo cultural e literario galego que foi capaz de resistir ao longo das décadas, entregada ao libro en galego e cunha verdadeira paixón pola profesión.

Hoxe é unha referencia central na difusión da literatura en galego e na defensa activa da nosa cultura. Cartabón contará coa presenza da Orquestra Bravú Xangai, agrupación que xunta figuras destacadas daquel movemento musical e proxectos posteriores, como Xurxo Souto, Guni Varela, María do Vinculeiro ou Olivier Cano.

Inscrición

A festa de aniversario será por invitación expresa de Maribel Tato e Gonzalo Pérez, donos da libraría, e para asistir cómpre inscribirse por medio do correo electrónico de Cartabón. A celebración quere ser tamén unha homenaxe colectiva a todos e todas as que fixeron da libraría un espazo de encontro, activismo cultural e amizade durante estas catro décadas.

“Medre Cartabón!”, proclama o lema desta celebración que non mira atrás con nostalxia, senón adiante cunha firme vontade de continuidade. Porque, como lembran desde a libraría: “Son só 40 anos, a ruta continúa”.

Comentarios