A Lei de Cultura Inclusiva entrará en vigor nos próximos días

O conselleiro de Cultura, López Campos, sostiña en xullo que o éxito da Lei de Cultura inclusiva residía na "implicación de todos os axentes". (Foto: Xunta da Galiza)
A lei foi aprobada en novembro coa abstención da oposición que  subliñou que o texto queda proporciona só "boas intencións".

A nova Lei de Cultura Inclusiva e Accesíbel da Galiza, publicada esta cuarta feira no Diario Oficial da Galiza, entrará en vigor nos próximos días. A norma, impulsada pola Xunta, busca garantir a accesibilidade da cultura a todas as persoas, eliminando barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais ou territoriais.

Segundo o Goberno galego, trátase dun "texto pioneiro" que regula o dereito de acceso á cultura desde a perspectiva da inclusión e a accesibilidade.

A lei entende que o risco de exclusión cultural inclúe, entre outras condicións, as limitacións por ámbito de residencia, ter un déficit grave de recursos económicos, ter unha discapacidade ou estar en situación de dependencia, ser desempregado, ser vítima. de violencia doméstica, estar en proceso de rehabilitación social ou pertencer a unha minoría étnica.

O regulamento abrangue dúas perspectivas: o acceso a servizos e produtos culturais para todos e unha vertente creativa, que visibilice o talento das persoas con menos oportunidades. 

A lei foi aprobada en novembro coa abstención da oposición que  subliñou que o texto queda proporciona só "boas intencións".

O BNG presentou unha emenda a totalidade por ser un proxecto de lei "incoherente, inconcreto, intranscendente, irrelevante e ineficaz". Posteriormente os nacionalistas presentaron 39 emendas das que o grupo popular aceptou cinco .

O PSOE, pola súa parte, considerou que falta un Plan Estratéxico da Cultura para actuar sobre un sector "precarizado e atomizado" e da "pulsión necesaria do terceiro sector e os axentes culturais".