O laudista esloveno Bor Zuljan ofrece unha actuación en Foz

Bor Zuljan. (Foto: Gregoire Fillion)
O concerto fai parte do ciclo Lugo: De Trovas e Cantigas promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz (A Mariña),  acolle hoxe, a partir das 19 horas, a actuación do laudista esloveno Bor Zuljan, un dos maiores especialistas contemporáneos neste instrumento de corda que se estendeu por Europa durante a época medieval.

No concerto, incluído no I Ciclo de Música Medieval Lugo De Trobas e Cantigas, promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o músico, coñecido por ampliar as posibilidades do instrumento e redescubrir sons e técnicas de interpretación esquecidas, amosará o seu virtuosismo cun repertorio inspirado no florecemento humanista e cultural do Renacemento, cando o laúde se converteu no instrumento máis popular nas cortes europeas. 

O tenente alcalde de Foz, Francisco Xavier Fanego, valorou onte a programación do concerto na Basílica de San Martiño, que, "pola época en que se construíu e pola súa especial sonoridade, se adapta perfectamente á proposta deste ciclo de música medieval". Tamén destacou que as actuacións musicais "son un reclamo para achegarse a este ben patrimonial, como demostran outros eventos como os programados pola Asociación Bal e Gay".

O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, salientou pola súa parte que, "ademais de contribuír á visibilidade do patrimonio arquitectónico", este ciclo musical "incide no traballo que se vén desenvolvendo para pór en valor o patrimonio musical que o Centro de Artesanía e Deseño atesoura en relación coa construción e o estudo dos instrumentos medievais, que supoñen unha oportunidade para o intercambio con outras tradicións musicais europeas".