mércores 21/10/20
Luís Alberto é percusionista, investigador musical e 'performer'

Lar Legido: "Todo é ritmo, mesmo o ruído e o silencio"

É un batería e performer, que leva o ritmo e a percusión máis alá, sen parar de investigar e colaborar con outras músicas e artistas. Leva 20 anos integrando o grupo Sumrrá, próximo a sacar o seu sétimo disco, e a pasada semana realizou unha intervención artística, nas pistas de patinaxe próximas ao Parlamento, en Compostela.
LAR Legido Hormigonera 1
Lar Legido coa formigoneira 'Cleopatra'. / Rafa Pasadas

Cóntenos como foi esa experiencia de performance e como chegou a ela?
O Festival de Artes Performativas, Plataforma propúxome facer unha intervención sonora en relación coas obras realizadas por Manuel Eirís. Unha serie de debuxos producidos a través do rastro que deixan os patíns nas pistas e que se expuxo na Fundación Granell. Así que me pasaron o seu material e a partir diso empecei a traballar co que considerei que era a súa proposta artística. Púxenme a unificar o momento no que estiven eu nesta última época, e cheguei á fenda da obra, da pictórica, pero tamén da sonora. Propuxen, dalgunha maneira, un cadro, dispuxen os obxectos e logo co skate, co que o artista traballaba a súa obra, construín un disparador de auga en base ás catro rodas. A representación xa non sei se foi cadro ou praza ou espazo, ou que foi finalmente.

E como é que se decidiu a empregar a auga?
Coa auga empecei hai moitos anos, xa en Madrid cando estudaba. Realmente o meu traballo empezou no CEDI (Centro de Encontro para o Desenvolvemento da Improvisación), onde nos deron unha educación moi global, ensináronnos a responsabilizarnos do espazo e do tempo que nos toca vivir como creadores ou investigadores ou artistas. Alí escollín como traballo final o expresionismo abstracto e elixín o traballo artístico de Jackson Pollock. E como todo ten que ver con todo, a partir de aí, dos disparadores de pintura, creei o aquófono. A auga sempre está e a min alucíname como elemento, porque é vida e depende de como te relaciones con ela sempre extraes coñecemento, sobre todo en canto ao ritmo. O ritmo ten que ver con absolutamente todo, porque todo é ritmo, incluso o ruído é ritmo e o silencio ten un ritmo.

Pero a acción produciuse nun día de choiva?
Si, había tormenta, que podía desembocar en tormenta eléctrica, pero eu non tiña dúbidas porque tamén sabía que para min era unha oportunidade. E o que sucedeu foi único, porque ao chover daquela maneira o instrumento xa non soaba só porque eu o accionase, senón polo efecto da choiva. Encantoume algo que sucedeu alí a nivel creativo, ou de onde situarte, eu estaba no centro... entre o medio que percute e o medio que recibe esa información. Vivín unha sensación excepcional, que tamén era un pouco proceso e busca artística do momento. O meu corpo podía parar os disparos e non chegaban a tocar nos elementos que tiña detrás, así que tamén estaba a traballar co silencio dese tiro que non chegaba ao seu lugar. Sempre me interesou, aínda que soe paradoxal, quitarme do medio, crear cousas que funcionen por si mesmas.

E que hai dos seus outros proxectos e de Sumrrá?
Xa levamos 20 anos e desde o primeiro momento conservamos a idea de que somos tres individualidades absolutamente diferentes, pero entendemos que ese é o seu gran potencial. Agora mesmo estamos a traballar co sétimo disco, xa a piques de entrar no estudo a gravar. Sumrrá para min reúne esa esencia que ten un grupo, como se fai e que significa, porque é moi diferente traballar para un grupo que para un líder. E logo tamén formo parte da Orquestra Galega de Liberación, que naceu agora para a improvisación libre. Traballo con Valentín Caamaño Trío, con Gerson Tineo, que é un pianista de excepción, con toda a xente do freejazz, as colaboracións con Pablo Seoane ou Alexandre Vargas... Tamén traballo con músicas coma Nastasia Zürcher ou Faia Díaz, coa que estou a preparar un novo proxecto xunto a Nacho Muñoz. E polo demais, a miña casa é a casa da música, aínda que agora co confinamento cambiou algo a cousa.

comentarios