Laia Abril aborda coa súa obra a 'historia da misoxinia'

Crónica desde o festival Curtocircuíto.
A artista catalá Laia Abril, esta quinta feira 3 de xullo, en Compostela. (Foto: Curtocircuíto)
A artista catalá Laia Abril, esta quinta feira 3 de xullo, en Compostela. (Foto: Curtocircuíto)

A xornada desta quinta feira do Curtocircuíto deu comezo á sección Supernova, que naceu para dar espazo a cineastas emerxentes como Cris Souto, con Áncora; Antía Rodeiro e Blanca Navarrete, con O corpiño, ou Luis Morla, con O costume do traballo.

Un dos encontros máis destacados do festival tivo lugar pola tarde no Teatro Principal. Laia Abril, Premio Nacional de Fotografía 2023, compartiu co público as claves da súa última obra: On Mass Hysteria. A artista catalá explicou a Nós Diario que a orixe deste proxecto aparece nunha viaxe a Nepal para estudar mitos sobre a menstruación. Alí comezou a atopar numerosos casos de 'mass hysteria', ou histeria de masas.

On Mass Hysteria é o terceiro capítulo de The History of Misoginy (A historia da misoxinia), unha “xénese” deste relato que se materializa nunha instalación –exposta en París– que combina videoensaio, fotografía, son e texto en tres salas dedicadas a tres casos de histeria de masas en México, Cambodia e os EUA. Un traballo de investigación rigorosa no que o arquivo –moitas veces misóxino e colonialista– se resignifica desde unha mirada poética e que o público picheleiro puido coñecer de primeira man.

Curtocircuíto x Cineclube: Galiza nos anos 80

O festival mergullouse tamén no patrimonio audiovisual galego da segunda metade dos anos 80 e a primeira dos 90, que supuxo un terreo fértil e abonado para o audiovisual galego. A substitución do cinema doméstico polos primeiros formatos de vídeo como soporte amador preferente e os inicios da televisión na Galiza abriron toda unha serie de vías nos eidos da ficción, o documental e o experimental que conforman un fito dentro da imaxe e o son do noso país.

Cineclube de Compostela e Curtocircuíto continuaron coa súa colaboración para promocionar a recuperación e a posta en valor do patrimonio audiovisual galego. Desde hai case unha década, esta colaboración facilitou a visibilidade de iniciativas e artistas como Euloxio Ruibal e o seu Equipo Lupa; Roberto Vidal Bolaño, Ezequiel Méndez, Equipo 64, etc.

A escolma desta quinta feira contou con pezas de Antón Caiero, Roberto Vidal Bolaño e Manolo Abad, con imaxes inéditas e pouco coñecidas, tratando de representar esta eclosión de creatividades e novos camiños no vídeo galego.

Comentarios