Kiko da Silva, humorista gráfico e debuxante de cómics

"Os autores de banda deseñada continuamos a ser francotiradores"

O debuxante acaba de apresentar A Viñeta de Schrödigner, unha revista trimestral de banda deseñada galega coeditada pola Mesa e a ASPG

Kiko da Silva, na aldea Monsanto, en Portugal.
photo_camera Kiko da Silva, na aldea Monsanto, en Portugal.

Este mes de xullo, quioscos e librarías contarán nos seus andeis cunha nova incorporación. A Viñeta de Schrödinger aterra en 32 páxinas e a toda cor nunha tiraxe inicial de 1.500 exemplares. Kiko da Silva (Vigo, 1979) é o director do proxecto, que no seu primeiro número contará coas colaboracións de grandes titáns da banda deseñada galega e de autores noveis. Miguelanxo Prado, Fran Bueno, Kohell, Miguel Robledo, Fernando Llor, Miriam Iglesias, Antonio M. Fraga, Víctor RivasMiguel Rojo, Pablo Prado, Aldara, Joan Casarramona, Zaida Novoa, Afonso Barreiro e o propio da Silva oferecerán ao público mozo historias de aventuras, de ciencia ficción, de robots e extraterrestres, de lugares imaxinarios e piratas no medio do deserto.

-Como naceu o proxecto da Viñeta de Schrödinger?

-Eu levo vinte anos metido en publicacións de banda deseñada e ao final acabas aprendendo moitas cousas nos procesos. Aquí na Galiza parece que se algo fracasa xa non se pode volver tocar. A miña filosofía é que se algo fracasa é porque non soubemos artellar o mecanismo para que non se viñese abaixo. Eu teño xa experiencia e creo que sei como chegar a bon porto cunha publicación destas características. As circunstancias actuais que temos para publicar en galego tamén fai que sexa necesario este tipo de iniciativas. Penso que se as institucións públicas non están a facer o labor que por lei están obrigadas a facer, só nos quedan dous remedios: queixarnos ou queixarnos e, a maiores, demostrarlles que se pode facer. Se a cidadanía pode poñer en marcha isto, máis poderían eles que teñen máis medios, que para iso son os xestores dos cartos públicos que pagamos a cidadanía.

Se as institucións non fan o seu traballo, só nos quedan dous remedios: queixarnos, ou queixarnos e demostrarlles que se pode facer

-Por que facer unha publicación destas características?

-Primeiro, porque seguimos sen ter unha publicación profesional en galego para que os autores e autoras da Galiza poidan publicar na banda deseñada. Levamos case vinte falando do ‘boom’ da BD galega pero case non hai apoios. De feito, a nivel institucional non existimos, non se conta con nós. Seguimos a ser francotiradores, somos autores os que estamos xerando continuamente publicacións, obradoiros, escolas de formacións, editoriais… Entón, unha das cousas que eu creo que faría falla é fomentar a publicación da banda deseñada curta en galego, porque non hai publicacións curtas. As editoriais están publicando novelas gráficas, mais coas historias curtas non hai maneira. Despois, por outro lado, queremos dirixila a un ámbito social que está totalmente esquecido a nivel de lingua, que son os adolescentes. Temos moitas cousas para cativos e temos bastantes cousas para adultos, mais hai unha franxa de idade que está totalmente en standby e á que non se lle está ofertando publicacións na nosa lingua. A Viñeta de Schrödinger vai dirixida directamente a eles. De feito, o nome é unha chiscadela a esa xeración, que se criaron con Big Bang Theory, con Internet, con memes en redes sociais… E ao mesmo tempo é unha chiscadela á ciencia. Cremos que a defensa da lingua non debera ser por sectores, senón que deberiamos ir todos a unha. Unha das reivindicacións é que ten que haber ciencia en galego, temos que poder estudar na nosa lingua calquera cousa e poder ser atendidos tamén a nivel médico, científico… en galego. O xogo que facemos na presentación da revista é que actualmente hai xente que di que a cultura galega, a lingua galega e a banda deseñada está morta, e outra xente que di que está viva. É un xogo moi galego, que non sabes se sobes ou se baixas, se estamos vivos ou estamos mortos… e é tamén unha maneira diferente de reivindicar a actualidade da nosa cultura.

Levamos case vinte anos falando do 'boom' da BD galega pero case non hai apoios

-Tendes pensado abrir a porta a máis autoras?

-Unha das cousas que pretendiamos coa revista é facer patente que temos xa unha canteira tan grande de autores e autoras de banda deseñada que non fai falla ir fóra buscalos. De feito, temos 16, mais podería haber 100. É unha cuestión unicamente de diñeiro e espazo. A revista por agora só pode ter 32 páxinas porque é unha revista de carácter profesional e estanse a pagar unhas remuneracións que están acorde ao mercado non só galego senón nacional. O que queremos é darlle oportunidade á xente novel xuntándoa con veteranos. Está saíndo unha moi boa xeración de autores e autoras e a maneira de visibilizar ese traballo é dándolles refuxio ao lado de autores xa consagrados. Logo haberá que ver, hai colaboracións que serán continuas e outras irán e virán, mais a idea é que pasen cantos máis, mellor.

-Dicías que queriades enfocar a revista para un público mozo, que tipo de temáticas ou xéneros ides tocar?

-Dentro dos parámetros vai ser unha revista que formule algo distinto. Fuxiremos da actualidade, porque é trimestral e non podemos estar pegados á actualidade, e terá parte de humor e parte de aventuras. Estamos intentando facer historietas por temáticas que lle poidan interesar á xente. Hai cousas máis poéticas, hai aventuras de ciencia ficción, hai de extraterrestres, de ‘mechas’ (robots xaponeses xigantes), lugares imaxinarios, de océanos, de piratas no medio do deserto... Estamos intentando abrir o maior abano temático posíbel para que as lectoras descubran que a BD é moi ampla. Hai historietas máis serias, outras menos serias, pero digamos que estamos intentando facer algo o máis achegado posíbel ao que se podería facer a nivel literario. Non hai un formato, hai miles de opcións. Unhas persoas poden facer unha obra máis poética, outros poden ir a algo máis de folletín, outros farán historietas autoconclusivas con gag final… A idea é ir rotando distintas opcións e probándoos, porque temos que ver cales funcionan, cales gustan máis… Proba e erro.

KIKO DA SILVA - ESTUDIO1

-Alén das series de historias, vai haber máis seccións na revista?

-Engadimos unha sección de entrevistas –a cargo de Roberto M. Lamosa– para que poidamos coñecer un pouco máis todas aquelas autoras e autores que nos visitan. Neste primeiro número,  fixémoslle unha entrevista á autora norteamericana Sarah Andersen, que estivo en Pontevedra convidada pola libraría Paz, e no segundo número, a Albert Monteys, ex director de El Jueves, que estivo a dar unha masterclass no Garaxe Hermético. É un xeito tamén de dar información do que se está a facer no resto do mundo aos lectores galegos.

Na revista engadimos unha sección de entrevista para coñecer aquelas autoras que nos visitan, no primeiro número estará Sarah Andersen

-Falando do Garaxe Hermético, a única escola profesional de banda deseñada que hai na Galiza da que es fundador, veremos alumnado do centro no proxecto?

-Hai varios ex alumnos que se formaron con nós no Garaxe Hermético e logo hai xente que se formou noutros sitios. Por exemplo, Aldara é unha rapariga da Coruña que fixo en Belas Artes en Valencia. E despois están Pablo Prado, Fonso Barreiro, Miguel Rojo, Zaida Novoa ou Miriam Iglesias que son xente que eu coñezo de primeira man porque os formei co grupo de mestres no Garaxe Hermético. É unha maneira tamén de darlles oportunidades á xente que se formou con nós mais tamén é un maneira de que todo teña sentido. Doulles esa oportunidade porque sei como van a responder, sei como traballan. Nestas cousas necesitas tamén ter de man a resposta laboral desa xente. Convidamos tamén outra xente que non podía, tanto alumnado noso como xente que xa está publicando noutros sitios, como Xulia Vicente. Estamos cos que neste momento podían e querían formar parte da equipa.

-Como naceu o Garaxe Hermético?

-O xermolo de partida do Garaxe Hermético é moi similar á Viñeta de Schrödinger. Eu estudei Belas Artes, e alí non se contempla a banda deseñada como unha saída laboral. De feito, estabamos un pouco como apestados dentro da facultade. Eu rematei xa hai un montón de anos, e chegou un momento no que me decatei de que a cousa seguía igual. Entón, había dúas opcións: queixarse sen máis, ou intentar demostrar que se pode aprender esta profesión dun xeito diferente ao que se está formulando. Isto foi hai sete anos. Xunteime cun equipo de compañeiros e amigos, porque ao final estas cousas sen amizade tampouco poden ir adiante, era un proxecto empresarial pero precisaba complicidade de xente que crera nel. O proxecto contaba con Fernando Iglesias, Fran Bueno Capeáns, Miguelanxo Prado, Miguel Porto e agora uniuse Fernando Llor e Manuel Lourenzo. Aínda non conseguimos unha muller para o equipo, mais estamos buscando.

O cómic leva 118 anos, o cineam leva o mesmo tempo cá nós, ten máis cartos e teñen o mesmo problema de desigualdade de xénero cá nós

-É un ámbito moi masculinizado.

-É o normal. Date conta de que, realmente, a chegada da muller á banda deseñada é dos 90, desde que se empezou a publicar manga no Estado español. Até ese momento, as BD estaban feitas por homes e estaban dirixidas para homes. Había mulleres, pero non había moitas. Na Galiza temos Emma Ríos e agora comezan a xurdir máis raparigas. De feito, un dato que para min é máis esperanzador é que neste momento no Garaxe Hermético temos máis raparigas matriculadas que mozos. Isto é positivo, iso quere dicir que algo está a mudar. O cómic leva 118 anos, o cinema leva o mesmo tempo cá nós, ten máis cartos e teñen o mesmo problema cá nós. Temos un problema social, un problema que é moito máis profundo que un teito de cristal. De feito, o problema vén de abaixo, da educación iniciática das persoas. Unha das cousas que me chama a atención é que teño alumnas que son moi boas, mais que se non demostran que son 100% boas, consideran que non valen. Non hai dereito á mediocridade. Non, nin á mediocridade nin a estar a 80%. Teño alumnos que están ao mellor a 60% e teñen moitísima máis confianza no seu traballo e saben que poden adicarse a…, mentres que alumnas que son mellores cá eles non teñen esa confianza. E iso vén desde abaixo. A nivel básico de educación, están a darnos unha serie de normas que van a ter repercusión máis adiante en como vas afrontar a vida.

A formación axudar ao sector, porque fai que haxa mellores profesionais: non baixarán os prezos, reivindicarán o mesmo que os que xa estabamos e iso é un ben común

-Como ves o alumnado que chega ao centro, o futuro da banda deseñada?

-Ao principio tiñamos un alumnado moi diverso. Era a primeira escola de banda deseñada profesional e chegou xente que mesmo tiña xa traballo ou unha idade non habitual para uns estudos destas características. Agora a media está coemzando a se estabilizar, arredor dos vinte e dous anos e son xente que quere adicarse á banda deseñada. Algo do que nos imos decatar todas é que a formación vai axudar o sector, porque fai que haxa mellores profesionais e que sexan conscientes de que é ser profesional da BD. Non baixarán os prezos, reivindicarán o mesmo que os que xa estabamos e iso é un ben común. Logo, outra cousa que tamén vexo é que xa non hai tanto espazo entre unha xeración e outra. Cando eu comezaba nisto, a xeración anterior levábame case dez anos e había un baleiro entre unha xeración e outra xeración que non se cubría. Non había onde aprender e era arriscado apostar por este tipo de profesión. Creo que con isto vaise conseguir que haxa unha maior continuidade, co cal imos poder producir máis obras. Vaise ver moi en breve mesmo no mercado editorial, onde acaban de decatarse de que hai un mercado que non estaban tocando e que está totalmente virxe. Ao producir obras todos os anos ao mellor non podes asumir todas pero podes ir asumindo unha, dúas, tres… e haberá maior presenza de BD nas editoriais e unha maior aposta por poder facer, por exemplo, unha colección. Actualmente, tanto Xerais como Galaxia, que tocaran a banda deseñada de maneira tanxencial, xa asinaron contratos con moitos alumnos nosos, que están en proceso de elaboración. Para min é unha gran noticia, porque é unha maneira de demostrar que a BD ten futuro en Galicia.

O GARAXE HERMETICO 2017-18

-Entón es optimista a respecto da banda deseñada galega?

-Son, porque é unha maneira tamén de chegar a un mercado ao que actualmente chegamos de xeito moi tanxencial. Cando se publicaba BD en galego publicaba normalmente un autor que montaba unha editorial, ou un autor que se autoeditaba. Iso está moi ben mais non ten a forza que pode ter unha editorial grande, unha editorial grande pode chegar coa BD aos centros de ensino, e aí podemos conseguir moito non só a nivel de venda senón a nivel de coñecemento dos autores.

-Dicías antes que, a nivel institucional, a banda deseñada non existe.

-É que non existe. Por desgraza, o Estado non recoñece a formación en banda deseñada. Así como se monto unha academia de inglés podo ter un IVE especial, aos meus alumnos hai que aplicarlles o 20% do IVE. Co cal, están a facer que estudar banda deseñada sexa máis caro que estudar un idioma. É bastante inxusto. Por que ten que haber esa desigualdade se é todo cultura, todo é profesión? É o que hai, eu levo sete anos mantendo o mesmo prezo de cando abrimos a escola porque sei o esforzo que supón a unha familia matricularse no centro. Que temos nós de distinto de calquera outra formación? Todos os nosos mestres son autores en activo, todos publican. E despois é que o noso obxectivo é que os nosos alumnos publiquen. De nada vale que pases pola escola se logo non publicas. Loxicamente non poden acabar publicando 100%, mais con que haxa 20 ou 30% que acaben adicándose a isto, eu xa me dou cun canto nos dentes. É unha maneira de facilitar algo que a miña xeración ou as anteriores non tivemos. É unha maneira de dicirlles ‘coidado, aí hai unha parede, vaste dar unha hostia’. 

-Alén da túa última publicación, O inferno do debuxante, que foi Premio Castelao no ano 2014 e foi publicado en 2016, tes máis proxectos no caixón ou xa enriba da mesa?

-Aparte da colaboración que farei na Viñeta da Schrödinger, teño dous proxectos enriba da mesa. Esta era algo que tiña moitas ganas de facer, chámase ‘Arquivos paranormais’ e son historietas curtas sobre historias paranormais, case todo casos galegos. É un tema que na banda deseñada en Galiza non se tratou e que a min me apetecía facer. Logo, en proxectos sólidos e a piques de rematar teño dous. Un con Galaxia chamado Castelao, alma galega, no que conto cun pequeno equipo de alumnos do Garaxe Hermético que me están a botar unha man co storyboard, procura de documentación... Trátase dunha BD sobre a obra curta de Castelao, convertina toda nun guión e artellei relatos curtos de Retrincos e Cousas nunha soa historia. Estou traballando agora niso e estou traballando para, seguramente, presentalo no Culturgal deste ano. Logo teño outro proxecto, que levo case dez anos con el. Chámase Baixo a sombra das pedras flotantes, vai ser publicado en galego en Xerais e en castelán en Norma Editorial. É un libro de 170 páxinas, quédanme 40 por rematar e espero entregalo á editorial ao longo do 2019. É o libro máis ambicioso que levo feito até o de agora. Xurdiu todo inspirado por unha novela de Manuel Lourenzo que gañara o Premio Xerais e que partía de tres personaxes da súa novela. Artellei unha historia completamente diferente arredor de pedras estrañas que hai en distintos lugares. É un libro de ciencia ficción pero realmente está moi documentado, porque todas as pedras estrañas existen. De feito, o 14 de xuño vou a un dos últimos sitios que me quedaba por visitar que é Externsteine, no Bosque Teutónico, na Alemaña. É un dos lugares que saen no libro e, a maiores desta BD, estou a facer un documental de como fixen a BD e vou ir gravar, tirar fotos, tomar notas…

-Como xurdiu a idea de Castelao, alma galega? Xa levaba tempo na túa mente?

-Xurdiu por un exercicio no Garaxe Hermético. Cando foi o ano Castelao, fixemos unha adaptación do relato ao retrato. Escribín un guión e eles fixeran unha BD. A partir daí, xurdiu a posibilidade de facer algo máis longo. Falei con Galaxia e pedíronme que fixese unha novela gráfica con todo isto. Aí a tiven que artellar un guión longo e ver a maneira de facelo. Eu quería ser fiel á obra literaria de Castelao, e quería facelo con Cousas e Retrincos, porque non se lle dan a importancia que teñen. Son relatiños curtos mais teñen moitísima forza. Entón, eu quería facer un libro destinado ao público máis adulto. De feito, eu creo que vai sorprender porque é unha escolma de relatos que están todos ligados coa morte e son tremendamente duros. Como están no medio doutros que son máis divertidos pois non dá a sensación da dureza que teñen.

Nota: as fotos que acompañan esta entrevista son cedidas. Nunha delas, Kiko da Silva aparece con alumnas e alumnos do Garaxe Hermético.

Comentarios