Juan Lago Collazo, sobrevivir a Mauthausen

A filla de Juan Lago co seu home e a súa descendencia na homenaxe de Paredes. (Foto: A Regaduxa)

No verán de 1936, Juan Lago foi torturado polos fascistas para intentar que entregase o libro de afiliados da Sociedade Obreira de Vilaboa, da que era secretario. Non o fixo, e tras librarse de milagre do paseo, incorporouse ao exército para pasarse axiña ao bando republicano. Foi o inicio dun periplo que o levaría a pasar catro anos e medio detido en campos nazis co triángulo de apátrida cosido no peito.

Como foi posíbel que un rapaz nacido en Vilaboa en 1914 acabase nun campo de exterminio nazi e lograse sobrevivir a catro anos e medio de cativerio? Esta é a pregunta á que pretende dar resposta Triángulo azul, 4989, unha publicación que o colectivo A Regaduxa, memoria histórica de Vilaboa editou con motivo da homenaxe decorrida este outubro na canteira de Paredes en lembranza de Juan Lago Collazo, ese rapaz de Vilaboa (O Morrazo) que logrou saír vivo do Holocausto. O texto foi realizado por Luís Bará Torres, quen leva máis dunha década investigando as consecuencias que a represión franquista tivo sobre a que é a súa vila natal, e nel se recolle información obtida de dous documentos de gran valor histórico: o diario realizado polo propio Lago tras o seu paso polos campos de exterminio, e unha extensa entrevista que nos anos noventa lle gravou o seu afillado, Laureano Muíños Lago, nunha vella cinta de casete.

O relato de Bará iniciase naquela Vilaboa na que Juan Lago, Juan da Ferreira, pasou a súa infancia. Pouco foi á escola porque cando o seu pai tivo que regresar da emigración estadounidense por ter enfermado de silicose, tanto el como o seu irmán Ramón e as súas irmás Benita e Otilia tiveron que axudar á nai cos traballos da casa e do campo. Iso privoulle de moitas leccións mais deixoulle unha ben importante: ser consciente do que marcan as diferenzas sociais: "Había amigos meus que ían á escola dúas veces por día, pola mañá e pola tarde. Eu ía unha vez soa porque tiña que ir coa vaca, tiña que ir ao toxo, tiña a hostia en verso (...) Eu vía que iso era unha inxustiza e contra isto había que loitar", contou o propio Juan. Ser consciente desa inxustiza levouno a aceptar ser o secretario do Sindicato de Oficios Varios ao que se afiliara para intentar atopar un traballo asalariado que mellorase a economía familiar, nun tempo, o republicano, en que o organismo compartía coa Sociedade de Agricultores a sede construída polos propios obreiros. Desempeñou a tarefa animado polo seu pai, quen ademais lle axudou coas obrigas da secretaría até 1933, ano en que a silicose o levou á morte, mais ningún dos dous foi consciente nunca de que o emprego "realmente puidese ser moi perigoso". Ninguén podía adiviñar a barbarie que se ía desatar en xullo de 1936, mais para os golpistas era vital o testemuño de quen elaborara as listaxes de afiliación das agrupacións de clase de Vilaboa e axiña foron en busca de Juan, que acababa de quedar tamén orfo de nai. Levárono á sede do organismo, reconvertida polos fascistas en lugar de tortura, e intentaron que descubrise o agocho dos documentos.

[Poderás ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 8 de novembro. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]