Ismael Ramos gaña o Premio de Poesía Miguel Hernández

O poeta e profesor Ismael Ramos. (Foto: Nós Diario)
A súa obra 'Lixeiro' foi escollida polo xurado "pola potencia da súa imaxinación poética".

Ismael Ramos vén de ser galardoado co Premio Nacional de Poesía Xuvenil Miguel Hernández, correspondente ao ano 2022, pola súa obra Lixeiro, (Xerais), a proposta do xurado. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros.

O xurado destacou a súa obra "pola potencia da súa imaxinación poética, capaz de emprender un canto xeracional entoado desde un desencanto reconciliado que conxuga ironía e nostalxia".

Aliás, o xurado sinalou que, como "bo coñecedor da tradición poética contemporánea, Ismael Ramos ofrece unha proposta desprovista de afectación e moi depurada lingüisticamente que conforma unha sorte de épica vivencial de ton á vez transcendente e lixeiro".

Ismael Ramos, nado en Mazaricos en 1994, é autor dos poemarios Os fillos da fame (XVII Premio Johán Carballeira de Poesía; Xerais, 2016), Lumes (Apiario, 2017) e posteriormente Lixeiro (Xerais, 2021).

En 2019 publica en La Bella Varsovia a primeira tradución ao castelán da súa obra Lumes, pola que recibiu en 2020 o Premio Javier Morote de 'As Librarías Recomendan'.

Os seus poemas foron versionados tamén ao catalán, finés, francés, húngaro, inglés e portugués, e incluídos en numerosas revistas e antoloxías.

En maio deste ano Nós Diario publicou o seu relato Mentres tanto dáme a man, artigo gañador do V Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey do Concello de Fornelos De Montes coa colaboración da Deputación de Pontevedra.