O número 200 do A Fondo réndelle homenaxe

Isidro Novo: transeúnte en tránsito

O A Fondo que acompaña o #sermos301 está dedicado a Isidro Novo (Lugo 1951-2018). Un escritor nas marxes xeográficas e literarias de Galiza. O caderno de análise do Sermos alcanza esta semana o seu número 200.

o escritor Isidro Novo
photo_camera o escritor Isidro Novo

Isidro Novo (Lugo 1951-2018). Un escritor nas marxes xeográficas e literarias de Galiza. A súa obra tanto en verso como en prosa retrata o demorado que facer dun creador ousado e meticuloso. Poeta enorme, narrador experimental, recitador brioso, acubillador de palabras esquecidas, persoa doce e afable, sempre elegante no dicir e no facer. O A Fondo que acompaña o #sermos301 céntrase no autor lucense.

‘Querido Isidro’, é unha carta de Cesáreo Sánchez Iglesias ao falecido escritor. Mercedes Queixas, en ‘Unha camelia negra e o canto dun merlo’, lembra e explica a súa amizade con Isidro Novo.

Xosé Ramón Freixeiro Mato lembra en ‘Palabras con memoria’ o compromiso do escritor pola recuperación de palabras galegas, nun labor que alicerza o rico patrimonio lingüístico popular e que tamén desenvolveu a través dunha sección semanal en Sermos Galiza.

Screen Shot 2018-06-22 at 18.41.10 ‘A beleza das marxes’, de Calvo Vidal. Resulta evidente que o mundo literario de Isidro Novo hai que atopalo na súa orixinal escrita. Á marxe de cuestións contextuais e, polo tanto, accesorias. Unha escrita enraizada nos sentimentos, nos ideais, nos soños, nos pesadelos, nas preocupacións e nas dúbidas dun home, dun poeta que sempre foi en serio, como moi poucos seres humanos o fixeron.

X. H. Rivadulla Corcón con ‘As sensacións de sentir ao poeta Isidro Novo’ debulla a vertente poética do lucense. Lois Pérez, ‘Coma un curandeiro da memoria’; ‘Na memoria de Isidro Novo’, Xosé Vázquez Pintor; ‘A memoria’ de David Otero; Antonio Reigosa e ‘Como as bolboretas’ completan o caderniño.

Comentarios