Iria Collazo gaña o premio Manuel García Barros con 'A espera', unha novela de amor e desamor

Xurado dos Premios Manuel García Barros. (Foto: Concello da Estrada)

A súa foi a obra escollida entre as 19 que concorreron á presente edición do certame.

A escritora e profesora Iria Collazo López proclamouse esta terza feira gañadora do Premio Manuel García Barros, que convoca o Concello da Estrada, coa súa novela A espera, unha peza literaria de amor e desamor que será publicada por Editorial Galaxia no mes de xuño, coincidindo co acto de entrega do galardón que leva o nome de Ken Keirades.

O xurado do XXXVIII Manuel García Barros estivo formado por Ánxela Rodríguez, Laura Paz Fentanes, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez, exercendo este último como secretario. O equipo encargouse de valorar as 19 novelas que se presentaron a esta edición e adoptaron a súa resolución por unanimidade, recoñecendo que a peza que resultou ser da autoría de Iria Collazo tivo unha digna competidora na terna final.

A obra gañadora foi presentada baixo o lema A espera. Dúas historias de amor. O xurado salientou “a súa capacidade para nos mergullar nunha poderosa historia de amor e desamor entre dous autores que se atopan na escrita e se afastan na vida”.

Sinalan tamén que está narrada “coa forza dos sentimentos encontrados”. “As pulsións emotivas lévannos da man por un carrusel de ledicias, tristuras, encontros e desencontros que debuxan un complexo mundo de relacións interpersoais nas que ninguén sae indemne”, sosteñen.

Escrita con gran profusión de citas literarias, que dialogan coa historia de amor que sostén a novela, esta narración “destaca polo fino esmerilado dos períodos, a admirábel contención expresiva e o esmaltado de prosa poética que cicela esas páxinas, conducíndonos nunha espiral de emocións ata un final climático que fecha a novela luminosamente”.

O Concello da Estrada entregará o Premio Manuel García Barros nun acto público e aberto que se desenvolverá a mediados do vindeiro mes de xuño. Nese intre, Editorial Galaxia terá xa publicada a novela gañadora. Ademais da publicación da peza, o galardón ten asociado un premio económico de 9.000 euros.