Cultura

O pianista James Rhodes, na volta ás librarías de Rinoceronte

A editora presente os títulos que en dúas semanas poderemos ter nas mans, obras atravesadas pola pegada de duras infancias.
james-rhodes-ok-atjrhodespianist
photo_camera James Rhodes (Twitter).

A editorial Rinoceronte prepara a volta ás librarías. Se todo vai segundo o previsto, en dúas semanas poderemos atopar nos estabelecementos as súas últimas novidades. Estas inclúen dous títulos traducidos, Instrumental, de James Rhodes, na colección Nova, e O duque Ernesto, unha obra anónima que se integra na colección Vétera, para alén do galego A taberna do Mascato Negro, de X.H. Rivadulla Corcón.

Instrumental chega ao galego desde o inglés nunha tradución de Eva Almazán. Trátase dunha oda á "capacidade salvífica da música", apuntan desde a editorial. A obra, disfrazada de autobiografía, narra a historia da nenez de James Rhodes, unha infancia dura afogada polas violacións ás que o sometía o seu mestre de ximnasia. Mais o pequeno atopa unha saída, o único salvavidas ao que aferrarse, na "Chacona en re menor" de Johann Sebastian Bach. O pianista, que aprende galego, celebra a nova no Twitter.

O duque Ernesto vén traducido do alemán por Almudena Otero Villena, quen tamén asina as notas e a introdución dun texto sen autor coñecido. O nobre Herzog Ernst foi, segundo indican o número de manuscritos conservados, un dos libros máis populares da Idade Media xermana. Escrito orixinariamente en verso, relata a historia de Ernesto de Baviera, orfo de pai desde cativo e cuxa nai casa co emperador Otón. O seu padrasto amósalle en principio unha gran simpatía, mais outro nobre emparentado con Otón, envexoso da posición de Ernesto, comeza a intrigar, provocando que a boa relación crebe e o monarca remate por acusalo de traizón. Así, o protagonista acabará fuxindo para unirse ás cruzadas, mais un cambio de rumbo lévao a emprender unha viaxe por Oriente chea de aventuras. Nalgún intre os críticos clasificaron o texto na Spielmannsepik ou "épica de xograres", un produto da oralidade que se puxo finalmente por escrito. Mais esta hipótese xa foi desbotada pola complexidade lingüística e estrutural do libro.

Baixo o selo Morgante verá a luz A taberna do Mascato Negro, o relto de Mario, quen embarca con 18 anos no buque conxelador Praia de Oza, que vai faenar ás augas de Terranova. O barco naufraga e, sen saber como, Mario esperta nunha praia onde atopa a solitaria taberna O Mascato Negro. Alí vive un grupo de mariñeiros á espera de que algo suceda. Mario, que tampouco pode marchar, coñece devagar as súas historias. O  mundo mariñeiro ten unha importante presenza na obra anterior do autor, mesmo no seu traballo de escritor e director para a TVG.

Comentarios