As novas tecnoloxías, a debate na cuarta feira

Identidade galega e medios a debate no Museo do Pobo

As novas tecnoloxías centran a mesa redonda. (Foto: Nós Diario)
Na tarde da cuarta feira, ás 18 horas, o auditorio do Museo do Pobo Galego, en Compostela, acolle unha nova xornada integrada no VI Foro do Instituto de Estudos das Identidades (IEI). 

Esta sexta edición do Foro do Instituto de Estudos das Identidades, que leva por título A identidade galega no mundo da globalización. Sociedade, lingua e cultura, centrarase nesta ocasión no debate sobre Medios de comunicación, novas tecnoloxías e identidade.

A conversa desta cuarta feira, a terceira dun total de cinco, está moderada polo xornalista e ex director de Vieros.com Ramón Vilar. Xunto a el, serán relatoras e relatores persoas do mundo da comunicación como Valeria Pereira, da revista Luzes, Martín García Piñeiro, director da Axencia Galega de Noticias (AGN), Miguel Anxo Fernández, cineasta e profesor da Universidade de Vigo (UVigo) e o profesor da Universidade de Compostela (USC) e director do portal culturagalega.gal do Consello da Cultura, Manuel Gago.

Este foro de reflexión sobre a identidade galega ten como finalidade “repensarnos” desde unha perspectiva do século XXI que, ao mesmo tempo, retome o legado deixado pola Xeración das Irmandades da Fala, neste 2020 en que se conmemora o centenario da publicación do primeiro número da revista Nós.

As prazas para asistir ao acto son limitadas, en cumprimento co protocolo sanitario. A inscrición pode facerse no correo: foroiei@museodopobo.gal. A mesa tamén se retransmitirá en directo a través da canle de Youtube do foro.

Cinco mesas redondas durante o mes de novembro

Este VI Foro do Instituto de Estudos das Identidades está composto por cinco mesas redondas que decorrerán até o 2 de decembro. Así, o debate de hoxe estivo precedido pola mesa A identidade cultural galega en tempos de globalización, que tivo lugar o día 4 de novembro, e por Identidade, patrimonio cultural e territorio, o día 10 do mesmo mes.

O 26 de novembro e o 2 de decembro decorrerán as dúas últimas mesas, baixo os títulos Cultura popular, identidade e sociedade civil e Crear en galego nun mundo globalizado.

O ciclo, organizado polo Museo do Pobo Galego xunto co Consello da Cultura Galega, está coordinado polos profesores Dolores Vilavedra e Uxío-Breogán Diéguez.