As novas tecnoloxías, a debate na cuarta feira

Identidade galega e medios a debate no Museo do Pobo

Na tarde da cuarta feira, ás 18 horas, o auditorio do Museo do Pobo Galego, en Compostela, acolle unha nova xornada integrada no VI Foro do Instituto de Estudos das Identidades (IEI). 
novas tecnoloxías
photo_camera As novas tecnoloxías centran a mesa redonda. (Foto: Nós Diario)

Esta sexta edición do Foro do Instituto de Estudos das Identidades, que leva por título A identidade galega no mundo da globalización. Sociedade, lingua e cultura, centrarase nesta ocasión no debate sobre Medios de comunicación, novas tecnoloxías e identidade.

A conversa desta cuarta feira, a terceira dun total de cinco, está moderada polo xornalista e ex director de Vieros.com Ramón Vilar. Xunto a el, serán relatoras e relatores persoas do mundo da comunicación como Valeria Pereira, da revista Luzes, Martín García Piñeiro, director da Axencia Galega de Noticias (AGN), Miguel Anxo Fernández, cineasta e profesor da Universidade de Vigo (UVigo) e o profesor da Universidade de Compostela (USC) e director do portal culturagalega.gal do Consello da Cultura, Manuel Gago.

Este foro de reflexión sobre a identidade galega ten como finalidade “repensarnos” desde unha perspectiva do século XXI que, ao mesmo tempo, retome o legado deixado pola Xeración das Irmandades da Fala, neste 2020 en que se conmemora o centenario da publicación do primeiro número da revista Nós.

As prazas para asistir ao acto son limitadas, en cumprimento co protocolo sanitario. A inscrición pode facerse no correo: [email protected]. A mesa tamén se retransmitirá en directo a través da canle de Youtube do foro.

Cinco mesas redondas durante o mes de novembro

Este VI Foro do Instituto de Estudos das Identidades está composto por cinco mesas redondas que decorrerán até o 2 de decembro. Así, o debate de hoxe estivo precedido pola mesa A identidade cultural galega en tempos de globalización, que tivo lugar o día 4 de novembro, e por Identidade, patrimonio cultural e territorio, o día 10 do mesmo mes.

O 26 de novembro e o 2 de decembro decorrerán as dúas últimas mesas, baixo os títulos Cultura popular, identidade e sociedade civil e Crear en galego nun mundo globalizado.

O ciclo, organizado polo Museo do Pobo Galego xunto co Consello da Cultura Galega, está coordinado polos profesores Dolores Vilavedra e Uxío-Breogán Diéguez.

Comentarios