A identidade e o dereito a illarse atopan o seu lugar na última longa de Ángel Santos
Máis de dez anos despois de presentar a súa anterior obra, As altas presións (2014), chega á gran pantalla unha nova longametraxe do director marinense Ángel Santos: Así chegou a noite (2025). Após pasar por varios festivais, entre eles o compostelán Cineuropa, o filme aterrará mañá nos cinemas de todo o Estado español aínda que hoxe contará cunha prestrea especial na capital galega. Aliás, onte, o propio Santos, acompañado de dous dos actores do filme, Denís Gómez e Violeta Gil, desentrañaron a peza audiovisual nunha xornada de encontros cos medios de comunicación.
Protagonizada por Gómez (A Coruña, 1978) e Gil (Hoyuelos, Segovia, 1983), a longametraxe presenta un escultor que traballa nun obradoiro afastado do rural galego da costa. Illado, sen contacto coas amizades do seu pasado e só co garda dun cámping, recibe a visita dunha antiga amiga coa que mantivo unha relación tempo atrás. Con ese encontro, o director e guionista Ángel Santos (xunto con Pablo García) reflexiona sobre a necesidade de procurar unha identidade desprendéndose do pasado e o uso do illamento para atoparse a si mesmo.
“A idea xurdiu pouco despois de estrearse nas salas o meu anterior filme, foi daquela cando comecei a coller notas”, explica o director de Así chegou a noite a Nós Diario. Despois, a longametraxe pasou por varias fases e un cambio de produtora. “É unha película independente, cun orzamento modesto e custou moito esforzo”, recoñece. Polo camiño, o realizador sacou a luz a curtametraxe Así virá a noite (2021), que foi destacada ese ano pola revista de cinema Caimán-Cuardenos de Cine. "Existe a curta mais o filme naceu antes. En realidade, [a curtametraxe] fixémola a modo de teaser pensando no momento anterior ao que ocorre antes da historia que conta a longametraxe, empregando os mesmos personaxes e escenarios", descobre Ángel Santos.
O director de Así chegou a noite traballa con sensacións, ideas e espazos. "Non parto dun tema predeterminado con anterioridade, teño ideas sensíbeis que teñen que ver co mundo que me arrodea", aclara. "En concreto, con como é vivir hoxe en día aquí e dedicarse a un traballo artístico como é ao que se dedica o protagonista deste filme", agrega. Neste sentido, pon énfase en conceptos "como a identidade, a comunicación e as relacións sentimentais. Son propostas universais que podes detectar nunha obra de agora mais tamén noutra de hai máis de 60 anos". Por iso recoñece que os cineastas "no fondo o que tratamos de facer é observar o mundo e reflexionar sobre el".
Artesanía fronte a industria
No filme, Santos reincide na relación entre o protagonista e o obxecto que crea como artista. Porén, introduce neste caso o oficio artesanal xunto co industrial que vai desaparecendo ademais de facer unha pequena reflexión sobre a emigración laboral. “É algo intuitivo, que me sorprende”, sinala.
A importancia da paisaxe e dos seu cambios
A paisaxe e como esta muda no tempo, xunto coa "relación poética" que teñen os personaxes con ela, é outra das protagonistas desta longametraxe de Ángel Santos. "Antes de ter unha historia teño unha paisaxe", afirma. O director lembra que isto mesmo interésalle desde que comezou a filmar nos seus inicios. Pon como exemplo a rodaxe dunha rúa en Barcelona que, unha semana despois, case non existía. "Esa transformación esperta o meu interese", asegura. No caso do filme que estrea aparece esta idea reflectida no pasado fabril da industria galega. “Desde a propia paisaxe tiro un fío invisíbel no que empezan a habitar personaxes, con pequenas anécdotas ou accións, que vou conectando para rematar emerxendo unha narración cunha estrutura máis cerebral ou intelectual”, relata Santos.
O filme ten como protagonista a Pablo, interpretado por Denís Gómez e a Andrea, en cuxo papel se mete Violeta Gil. Ademais, filme conta, coa colaboración especial do actor Miquel Insua no papel do garda dun cámping próximo ao lugar onde vive e traballa o protagonista. Esta foi, xunto á súa participación en Antes de Nós (2025), de Ángeles Huerta, a última interpretación de Insua antes de falecer no mes de decembro do ano pasado.
O Salnés, a industria, a ría de Arousa
Para as localizacións de Así chegou a noite, Santos decidiuse polo concello do Grove, pola comarca do Salnés e pola súa paisaxe industrial e marítima. O director interesouse por captar os elementos conservados, e tamén contemporáneos, do perfil industrial da comarca, máis alá da pesca como unha das actividades económicas máis representativas deste territorio.
Ángel Santos escolleu, así, unha fábrica coa ría de Arousa como pano de fondo, unha paraxe que muda cada ano da mesma maneira que as edificacións que tamén son protagonistas desta historia.
Obra e director, recoñecidos a nivel internacional
O filme de Ángel Santos contou, antes de abrirse ao público nas salas comerciais, polo recoñecemento de varios festivais. “Os premios sempre axudan, pasa moito tempo desde que empezas a concibir a película até que a xente pode vela e todos andamos buscando esa aprobación”, sinala o director a Nós Diario.
Con esta longametraxe levou o galardón á mellor dirección no Festival Internacional de Cine de Xixón (Asturias) para despois pasar polo D'A Film Festival Barcelona, O Cineuropa compostelán, o Festival Cinematográfico Internacional de Uruguai e o Bos Aires-Festival Internacional de Cine Independiente.
"Situar as obras"
"Hai que saber relativizar o que significan os festivais de cinema", admite Ángel Santos por experiencia propia. Iso si, o cineasta nado en Marín (O Morrazo) recoñece que os galardóns e os festivais que os conceden "sitúan as obras" aínda que sexan nun lugar "pouco natural para este tipo de producións".
Con todo, o director e guionista cre que estes eventos conseguen "facilitar a comunicación mediática e que as obras cheguen finalmente ao público en xeral" como outras creacións que "teñen moito músculo, cun orzamento moito maior".