Ángel Santos estreou o filme 'Así chegou a noite' no Festival de Xixón
A alfombra vermella do Festival Internacional de Cine de Xixón (Asturias) tivo esta sexta feira un claro protagonismo galego coa estrea mundial de Así chegou a noite o director pontevedrés Ángel Santos. Toda a equipa de dirección, produtores e actores participaron no photocall previo á Competición Internacional Albar dentro do festival xixonés que supuxo a estrea mundial desde “filme intimista” dirixido por Ánegl Santos que terá mañá a súa “estrea galega” en Cineuropa, Compostela, e o vindeiro 13 de decembro clausurará o Festival Novos Cinemas de Pontevedra.
O terceiro filme
Hai dez anos de Las altas presiones, a última longa de Ángel Santos. Así chegou a noite é a súa terceira película, un filme rodado integramente na Galiza -en Sanxenxo, O Grove e outros puntos da costa galega- no que o director explora temas como as relacións de parella, a necesidade de rachar cos vínculos do pasado ou a “tentación de desaparecer”. O propio director define o seu novo filme como “un drama intimista coa identidade como tema central” que supón un novo paso “de madurez” de Santos na ficción galega.
Os protagonistas do filme, Denís Gómez (Pablo) e Violeta Gil (Andrea), levan á pantalla a historia dun escultor que estabelece o seu taller nunha apartada zona rural da costa galega. Aos poucos vai illándose da súa contorna, cortando todo contacto con amigos e familiares. Unha antiga amante acode ao seu encontro e provoca a reflexión do protagonista sobre o seu desexo de illamento e a necesidade dunha nova fuxida. En Xixón acompañaron tamén a Santos os produtores Analía G. Alonso e Alfonso Zarauza. Así chegou a noite é a primeira e máis importante aposta na axenda da produtora de Zarauza e conta tamén con produción do propio Santos a través de Amateurfilms e de Daniel Froiz de Matriuska Produciñons.