O Hotel Bela Fisterra obtén dous premios internacionais

Hotel Bela Fisterra. (Foto: Booking)

Recibe dúas medallas de prata nos Graphis Awards en Nova York.

O Hotel Literario Bela Fisterra vén de conseguir dous premios Graphis de Prata en Nova York, na especialidade de deseño e de póster. Estes recoñecidos premios internacionais recoñecen os mellores talentos da industria a nivel mundial en deseño e publicidade.

Os deseños premiados

Os dous galardóns do Hotel fisterrán veñen da man dos carteis realizados con motivo do concerto íntimo de Budiño e da estancia literaria de Paddy Bushe, poeta irlandés. O músico galego Budiño presentou, o pasado oito de marzo, o seu disco Branca Vela nun concerto íntimo, no cal un dos salóns de eventos do Hotel Literario Bela Fisterra quedou pequeno ante a acollida do público. Para a ocasión foi deseño un cartel publicitario no que se combina de forma lixeira e harmónica tonalidades grises, azuis, brancas e negras. Estas mesmas cores son as predominantes no anuncio da estancia literaria de Paddy Bushe, sendo o primeiro escritor internacional en aloxarse no Bela Fisterra, que tivo lugar do 8 ao 12 de abril.  

A axencia galega que está detrás dos premios

Ambos os dous deseños foron confeccións de Teiga, studio, unha axencia galega que aposta polas creacións artísticas como ferramentas de ampliación e de proxección para  as empresas. Alías, esta axencia conseguiu durante os Graphis Awards un total de dez galardóns a través de carteis e páxinas webs de diferentes empresas galegas.

O Hotel Literario Bela Fisterra

O Bela Fisterra é un aloxamento innovador na Galiza, situado na praia da Langosteira, ao ser un hotel de deseño que se basea na literatura universal do mar para construír a súa identidade, acollendo estancias literarias e artistas, exposicións e presentacións. Estes non son os primeiros premios que conseguen, posto que a nivel estatal contan coa S de Sustentabilidade, o Premio mellor hotel sostíbel 2024 Ruralka, o premio de Turismo Deputación da Coruña a mellor iniciativa de sustentabilidade social aplicada ao turismo e 18 galardóns a nivel internacional, como o Wolda Awards of Excellence na categoría de Corporate Identity.