Homenaxe a Xoán Piñeiro en Vigo polo centenario do seu nacemento

A pandemia obriga a adiar a publicación dun libro sobre as características fundamentais da súa obra escultórica e unha exposición antolóxica.
Xoán Piñeiro no seu obradoiro [Fundación Xoán Piñeiro].
photo_camera Xoán Piñeiro no seu obradoiro [Fundación Xoán Piñeiro].

O pasado 18 de outubro fixéronse 100 anos do nacemento de Xoán Piñeiro, unha das figuras máis salientábeis da arte na Galiza e un dos escultores con maior cantidade de obra pública no país.

A Fundación que leva o seu nome ten organizadas unha serie de actividades para conmemorar esta data: a publicación dun libro sobre as características fundamentais da súa obra escultórica e unha exposición antolóxica repasando as principais pezas da súa longuísima carreira.

A situación orixinada pola pandemia obriga, con todo, a adiar todos estes proxectos, que se recuperarán en canto o contexto sexa menos desfavorábel.

Mantívose, porén, a homenaxe programada hoxe, un acto de lembranza na praza dedicada a el na cidade de Vigo, ao que asistiron Xesús Vázquez, presidente da Fundación Piñeiro; Abel Losada, concelleiro de Cultura e Emprego do Concello de Vigo; e Carmen Álvarez, viúva do escultor.

O escultor

Xoán Piñeiro naceu en Nerga, lugar da parroquia de Hío do concello de Cangas en 1920, pero as circunstancias territoriais e emocionais que contribuirían á súa formación como persoa e artista decorren, ademais de en Cangas, en Vigo e en Goián (Tomiño).

A súa preparación académica fluíu nun longo camiño de estadías en lugares moi diversos: Vigo (1944), na Escola de Artes e oficios; Santander, para ampliación de estudo na Escola Taller de Talla e Imaxinería do escultor José Capuz; Madrid (1948), como bolseiro da deputación de Pontevedra, compaxinando estudos entre a Escola de Artes e Oficios de Vallecas e a Facultade de Belas Artes de San Fernando...

O seu primeiro obradoiro abriuno en Madrid en 1950. En 1962, abandona a capital española e estabelécese en Vigo até que, en 1965 monta o seu obradoiro definitivo en Goián.

A súa angueira artística centrase na figura humana, de maneira máis figurativa nos 60, e cunha marcada tendencia á simplificación a partir dos 70: maternidades, retratos e autorretratos en pedra e bronce manifestando un fondo coñecemento de ambos os dous materiais.

Grande parte do seu traballo escultórico é de temática relixiosa e tamén civil. O legado escultórico dun Xoán Piñeiro pódese desfrutar en múltiplos museos da Galiza.

Comentarios