Homenaxe a Francisco Carballo este sábado na Eira da Xoana

Este sábado 26 de setembro celébrase na Eira da Xoana unha homenaxe a Francisco Carballo, na que recibirá, a título póstumo, o II Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico.

photo_camera Francisco Carballo

O acto de recoñecemento terá lugar o sábado na Eira da Xoana, proxecto comunitario impulsado por Adega no lugar de Ramil (Agolada). Comezará cun xantar de convivio e continuará a partir das cinco da tarde nun evento no que actuará Mini e Mero e no que o Instituto Galego de Historia e a Revista Murguía lle entregará á súa familia, a título póstumo, o II Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico.

Segundo afirma a revista Murguía “Francisco Carballo faleceu o pasado ano, cando os promotores do premio tiñan previsión de lle facer entrega do mesmo” . Da súa ampla traxectoria como historiador e teólogo, esta publicación destaca diversas obras sobre a historia de Galiza como A igrexa galega, Alexandre Bóveda; Breve Historia de Galiza; Martín Sarmiento, ou xa como coautor, Historia Xeral de Galicia ou  Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70

Francisco Carballo, nado en Asadur (Maceda) o 8 de marzo de 1925 e finado en Salamanca o 29 de novembro de 2014, deixou unha obra de enorme significación para a comprensión do século XX na Galiza, desde as perspectivas da historia, o xornalismo e a teoloxía. Implicouse desde sempre no impulso de iniciativas culturais no ámbito do nacionalismo, como A Nosa Terra, e foi membro fundador do Sermos Galiza. 

Comentarios