Hip hop luso: Dos barrios ao palcos
Das periferias lisboetas ao Coliseu do Porto, o rap portugués percorreu en apenas tres décadas o camiño da marxe ao centro. Entre radios nocturnas e millóns de reproducións en YouTube, unha música nacida nos barrios acabou ocupando un lugar central na cultura portuguesa.
Desde a pista de baile, entre penumbras, albíscanse as ringleiras de palcos que soben polas paredes do auditorio e se perden na escuridade. As luminarias permanecen apagadas. Baleira, a sala parece aínda máis grande. Entón chega o primeiro golpe de grave.
Un beat escapa dos monitores e percorre o teatro case deserto. Rebota nas paredes e sobe cara ao anfiteatro antes de esvaecerse.
Na penumbra, os técnicos repiten os xestos de sempre: subir un fader, probar un micrófono, comprobar os retornos. É só unha proba de son. Estamos no Coliseu do Porto.
Fóra, na rúa de Passos Manuel, a xente comeza a concentrarse arredor do edificio. A cola baixa polas escaleiras e esténdese pola beirarrúa. Hai grupos que se recoñecen a distancia, xente que conversa mentres a fila avanza.
Hai trinta anos, cando Dealema empezaba a rapear no Porto, unha escena así sería difícil de imaxinar. A rapidez coa que desapareceron as entradas mide a distancia percorrida por unha música que durante anos apenas existiu fóra dos seus propios círculos. Hoxe, ese mesmo son enche teatros.
[Poderás ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 28 de marzo. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]