Contracultura

Héitor Picallo: "A María Criada ocultáronlle os apelidos polo seu oficio e por ser unha muller que quixo a un deán"

Héitor Picallo, enxeñeiro e investigador sobre o Reino da Galiza, publica xunto a Damián Porto, doutor en Historia Moderna e técnico documentalista no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago, Amores clandestinos no Renacemento: O deán Gabriel Rodríguez e María Criada. Picallo conversa con Nós Diario sobre algúns aspectos desta relación que ten, como el di, “todos os ingredientes para ser unha novela”. 
Héitor Picallo, enxeñeiro e recoñecido investigador sobre o Reino da Galiza. (Foto: Arxina)
photo_camera Héitor Picallo, enxeñeiro e recoñecido investigador sobre o Reino da Galiza. (Foto: Arxina)

Como xorde Amores clandestinos no Renacemento: O deán Gabriel Rodríguez e María Criada?

Revolvendo en documentos que me interesaban do arquivo da Catedral de Santiago, apareceron uns interrogatorios e dotes de doncelas dunha fundación. A partir de aí fomos lendo e démonos de conta de que había unha historia interesante. Gabriel Rodríguez era un deán da Catedral de Lugo natural da Estada que tivo relación cunha muller, supostamente do seu servizo, coa que tivo sete fillos. Baixo o meu punto de vista é unha historia fermosa porque nos documentos da Catedral aparecen os nomes dos descendentes e dise tamén que eles o chamaban pai, así como el os chamaba fillos. É como que lle dá unha calidade humana e non tanto morbosa. 

Comezamos a tirar da historia en relación ás terras de Damián, que tamén é da Estrada e así confeccionamos a biografía. Tamén quixemos saber quen era esa muller, porque en todos os documentos aparece como María Criada. Ao final puidemos adiviñar os seus apelidos en base a rastrexar antepasados, descendentes e propiedades. A día de hoxe sabemos que era María Rodríguez de Monteagudo e Ulloa. Ocultáronlle os apelidos posibelmente polo seu oficio e por ser unha muller que quixo a un deán. Penso que no libro non seríamos xustos se a chamáramos continuamente criada ou amante e a nosa función era tamén recuperarlle a súa voz, que comeza a ser máis visíbel nos documentos unha vez que el falece. 

Que pode chamar a atención das persoas que lean o libro?

É unha historia apaixonante. El estivo no Vaticano xusto nun dos momentos de maior esplendor de Roma e, por forza, tivo que coincidir con Leonardo da Vinci, con Miguel Anxo e con Rafael. Tampouco era un simple criado: nas procesións solemnes do Domingo de Ramos o Papa vai subido nun burro que alguén vai guiando e Gabriel Rodríguez era unha das corenta persoas posíbeis designadas para elo. Ademais, el vivía no corpo central do Pazo dos Irlandeses, en Santiago, e ela na casa do lado, que estaba integrada na propia estrutura. Estas eran casas que dependían do Cabildo, polo que dalgunha forma semella que había unha certa autorización, xa non digo conivencia. Logo, el falece a finais de 1540 mentres que ela falece en 1567 polo que tivo que haber unha diferenza de idade importante. 

Cando, en 1545, a ela a pretenden dise viúva, e non solteira, mais nunca casara. Isto ten que ver cunha cuestión lóxica: todo o mundo sabía que tivera relacións co deán, mais se ela non se dixera viúva tería que pedir permiso ao seu irmán varón de maior idade, porque o pai xa morrera. Ao dicirse viúva facíase dona e señora de todo o seu patrimonio e non tiña que pedir permiso a ninguén. Hai outra parte bonita da historia: non logramos atopar o testamento do deán, aínda que hai algúns extractos, mais non temos datos sobre se lle deixou algo a María ou aos fillos. 

O que acontece é que un ano despois da morte del ela faise prestamista deixando cartos a distintos particulares e, posteriormente, mercadora traendo trigo e centeo da zona de Ourense até Santiago, Silleda e Lalín. María continuou casada cun escriba até que faleceu e, por dicilo así, este xa estaba buscando moza apenas días despois do seu falecemento. Paréceme unha historia moito máis cruel que a da relación co deán. De feito, ela podía ser soterrada nas zonas de Lalín, de onde era natural, mais puidemos localizar que está na Catedral de Santiago, non sabemos a sepultura concreta, mais aí demóstrase o poder que tiña ela. A sepultura del é descoñecida. Marica Campo, que non sei se se lembrará porque hai moito tempo disto, dicíame que tiña todos os ingredientes para ser unha novela, e ten razón.

Comentarios