O Grelo Folc reivindica este sábado “sector nabal con b”

Festa do grelo con menú de churrasco? Así é o Grelo Folc  que volve a Monfero este sábado 18 de outubro. Churrascada, xogos populares e moita música da tabernícola da Requinta da Laxeira ao rock  de Ataque Escampe pasando por  ska de Trapallada ou a tradición de Eudemónicas. Todo en honor do grelo e a nabiza. 

Grelo Folc
photo_camera Grelo Folc

Nabo, nabiza e grelo. En Monfero teñen clara a “trindade nabal” arredor da que artellan unha festa anual na que, malia iso, o grelo non está no menú. Está o churrasco, no xantar colectivo da xornada, e está A Nabiciña, o festival infantil con xogos e música que comezará por volta das 18:00 horas, e moita música e moita brincadeira. E o grelo, no santoral da festa que xa é case tradición en Monfero. 

“Do nabo a nabiza, da nabiza o grelo, do mundo Galiza da Galiza Monfero!...” rezan estes días en Monfero, invocando o produto da terra coa sabedoría de que “o caldo é a raíz da persoa e sen grelos non hai humanidade!!”. 

Nabiciña e caldo

Con carpa, por si a auga tamén se dirixe a Monfero, o Grelo Folc comezará co xantar do medio día, a tradicional churrascada popular no campo da festa (para se anotar nos números 679 251 163 ou 698 166 277 ou no correo [email protected]), á que seguirá o comezo do primeiro festival, o da xente miúda que xogará e danzará ao son do novo A Nabiciña desde as 18:00 horas. Xogos musicais nunha sesión titulada “Troupelear: un pouco bailar, un pouco cantar, un pouco tocar" con Branca Villares e Pablo Pintor, do grupo Eudemónicas,  e xogos dos de toda a vida para todas as idades. 

Por volta das 22.00 horas comezará a música, cunha ampla variedade, da tradición de Eudemónicas, ao pop-rock de Ataque Escampe pasando polo que denominan “música tabernícola” da Requinta da Laxeira ou o ska de Trapallada. 

Quen queira, terá zona de acampada libre e a posibilidade de ficar pola contorna para coñecer as Fragas do Eume. A Asociación Cultural e Medioambiental ‘O Abordelo’ de Monfero organiza o Grelo Folc, que chega xa a súa décimo segunda edición. Reivindican o “sector nabal con b e o dereito á vida na nosa terra”. 

Comentarios