Irma Thomas, a grande voz do soul, brilla no cartel do Outono Códax 2014

Só a presenza da grande voz de  Irma Thomas abondaría para confirmar o Outono Códax como o gran festival de referencia do soul. Mais canda a grande figura de Nova Orleans a nova edición traerá tamén a Hannah Williams, Sonny Knight, Ray Gelato e TT Syndicate. 

Irma Thomas
photo_camera Irma Thomas

O Outono Códax supérase en cada edición e, se a pasada conseguiu xa consolidarse como un dos programas internacionais de máis altura da coñecida como música negra, desta volta, só a presenza de Irma Thomas, a grande diva de Nova Orleáns, fai do festival de Compostela unha das citas estelares do ano. Gañadora dun Grammy, Irma Thomas actuará por primeira vez na Galiza na cuarta edición do festival. 

O Outono Códax Festival ofrecerá, como nas anteriores edicións, un ciclo de tres concertos na Sala Capitol onde soará o mellor soul, rythm&blues, funk e rock´n roll dos 60 e tamén dos nosos días. O encontro promovido por Raíña Productions e A Reixa e patrocinado por Martín Códax convida a marcar na axenda tres datas para tres concertos estelares que terán lugar os días 20 e 27 de setembro e 11 de outubro. O festival conta tamén coa colaboración de Pousadas de Compostela, Estrella Galicia e Merc ademais de case un cento de establecementos hostaleiros e comerciais da capital galega. 

Alen de Irma Thomas, o programa convida a catro sólidas bandas que baten forte no escenario internacional da “música negra”.Trátase de  Hannah Williams&The Tastemakers; Sonny Knight&The Lakers; Ray Gelato&The Giants e TT Syndicate que chegan desde USA, Reino Unido e Portugal.  The Lákazans, The Absenters e Mad Martin Trío serán a proposta galega do Outono Códax Festival. 

Será o día 20 de setembro cando Compostela reciba aos portugueses TT Syndicate ao norteamericano Sonny  Knight cos seus The Lakers e aos galegos The Lákazans no primeiro concerto do Outono. A noite do 27 será, sen dúbida, a cita estelar do festival, cando ao escenario do Capitol suba a diva Irma Thomas, unha lenda da música negra e artista de culto que comparte reinado no soul con Aretha Franklin ou Etta James. Gañadora dun Grammy en 2007 ao mellor álbum de blues contemporáneo, con After the rain, Irma Thomas continúa cargada de enerxía nos escenarios de todo o mundo, espazos que domina e nos que se acompañou de  Bruce Springsteen ou Elvis Costello. A banda galega The Absenters compartirá noite coa grande Irma Thomas. 

O peche do festival terá lugar o 11 de outubro, cando na Capitol se dean cita dúas bandas británicas de referencia Ray Gelato&The Giants e Hannah Williams&The Tastemakers. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios