Gonzalo Navaza entra este sábado na Real Academia Galega

Navaza ingresará na Real Academia Galega como membro de número este sábado nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar no salón de actos da institución a partir das 12:30 horas. O filólogo e escritor pronunciará o discurso titulado Nomes de persoa na toponimia de Lalín, centrado na súa terra natal. Daralle resposta Antón Santamarina, coordinador do Seminario de Onomástica.
Gonzalo Navaza Navaza ocupará a vacante producida polo pasamento en marzo de 2021 do historiador Xosé Ramón Barreiro.
photo_camera Gonzalo Navaza Navaza ocupará a vacante producida polo pasamento en marzo de 2021 do historiador Xosé Ramón Barreiro.

Gonzalo Navaza confésase un tanto nervioso: "Non son unha persoa que goste moito das solemnidades", di. Está repasando o discurso que pronunciará este sábado no seu ingreso como membro numerario da Real Academia Galega. O filólogo e escritor disertará sobre Nomes de persoa na toponimia de Lalín, desde a perspectiva da onomástica, unha rama da filoloxía  da que é un destacadísimo especialista. 

 "Eu xa era académico correspondente como membro do Seminario de Onomástica e, polo tanto, o labor que vou ter que desenvolver dentro da Academia non cambiará demasiado", explica o tamén novelista e poeta. "O texto que lerei será un resumo do discurso que se imprimirá despois, porque lelo enteiro paréceme abusar da paciencia do público", bromea. 

Navaza debulla algúns dos pormenores do seu discurso de este sábado, no que brillan detalles como os dos topónimos derivados de nomes de persoas vinculadas aos Reis da Galiza. "Existe unha tradición local que di que algúns topónimos responden aos nomes de reis antigos. E a respecto de polo menos un, o que lle dá nome á parroquia de Donsión, existe documentación que o vincula, efectivamente, co rei Silo".

O milagre da lingua 

Navaza esténdese cando se lle pregunta polo seu amor polas palabras, polo súa tendencia a xogar con elas na súa obra literaria e tamén na súa conversa. "A linguaxe ten algo de milagroso. Estamos afeitos a usala a diario e, talvez por iso, non somos plenamente conscientes do extraordinaria que é. Malia que as circunstancias para a nosa lingua non sexan moi favorábeis", matiza. 

O galego, segundo Navaza, está condicionado polas "loitas" que se dan entre linguas hexemónicas ("estamos máis condicionados polo inglés do que cremos", afirma), aínda que destaca que iso ocorreu sempre.  

"Os que vivimos unha época na que se está construíndo unha variante estándar do idioma somos máis conscientes desas rarezas que se dan durante o proceso", explica. "E máis cando a nosa lingua non é hexemónica, cando sofre a competencia doutra con máis vitalidade. Iso leva a crear formas distorsinadas como os hiperenxebrismos e os diferencialismos, que non deixan de ser outro condicionamento". 

Navaza apunta a que o lugar social do galego medrou moito e está presente en moitos ámbitos dos que sempre foi excluído como a Administración ou a Universidade, "mais hai realidades como a perda de falantes, ou o feito de que a transmisión familiar non estea garantida que anuncia que as perspectivas non son para tirar foguetes".  

E, non obstante, móstrase optimista -"porque moitas veces o pesimismo conduce á inacción"- e está convencido de que o futuro do galego depende exclusivamente da vontade dos falantes. "Existen exemplos de linguas moribundas que nun par de xeracións recuperaron toda a súa vitalidade". Mais tamén advirte: "E tamén existen casos inversos, como o de Irlanda, que logrou constituír un Estado pero perdeu a lingua en favor do idioma da metrópole. Quen está instalado nunha lingua hexemónica considera un esforzo renunciar a ela, sen ter presente que a adopción da lingua natural non ten que implicar a renuncia a ningunha outra. Eu creo que a sociedade do futuro non será monolingüe, senón que estará composta de individuos que sexan quen de manexar varias linguas. Aínda que a lingua propia seguirá sendo un factor de 

 

Especialista en onomástica, poeta, narrador e tradutor

Gonzalo Navaza, profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, é coñecido sobre todo polo seu labor literario. Como poeta é autor de  libros como Fábrica íntima (1991), A torre da derrota (1992) ou Libra (2000) e, como narrador, de Erros e Tánatos (1998) ou Santos e defuntos (2001). Mais tamén é un destacado investigador no eido da onomástica, traduciu clásicos do inglés e do francés e desenvolveu un importante traballo como coordinador e coautor de dicionarios. 

 

comentarios