Cultura

Os 'ghalpóns' cinematográficos: un espazo reinventado para o público

Esta semana coñeciamos a nova de que os 'ghalpóns' do festival de Cans (O Porriño) estarán presentes nun proxecto dentro da Bienal de Arquitectura de Venecia, a cita referente dentro do eido a nivel internacional. O arquitecto Juan Creus explica polo miúdo a 'Nós Diario' as chaves da investigación do seu estudio, Creus e Carrasco, arredor da transformación dos espazos cotiáns en salas de proxección de cinema, desde unha perspectiva comunitaria que se presenta como unha das chaves para afianzar un evento que ten o rural como contexto e selo de identidade.
Detalle da maqueta dos 'ghalpóns' de Cans (Creus e Carrasco).
photo_camera Detalle da maqueta dos 'ghalpóns' de Cans (Creus e Carrasco).

O festival de Cans (O Porriño) foi un deses proxectos revolucionarios ao levar o cinema ao rural, adaptando as estruturas e as programacións ao contexto de exhibición coa apertura das propias vivendas ao público. As arquitectas Covadonga Carrasco e Juan Creus achegáronse desde as primeiras edicións como calquera outra persoa asistente, aínda que lles chamou en especial a atención "como se transformaba o núcleo nos tres días que duraba daquela a mostra e como a aldea enteira se implicaba para levar a cabo a mudanza", explica a Nós Diario o segundo, profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. O prestixioso estudio destas dúas profesionais na Coruña, Creus e Carrasco, volveuse noticia esta semana por mor da súa presenza na Bienal de Arquitectura de Venecia, a cita de maior relevancia a nivel internacional dentro desta disciplina, cun proxecto que reflexiona xustamente sobre os espazos do Festival de Cans.

Os ghalpóns son os protagonistas dun estudo que analiza, entre outras cousas, a súa transformación para dedicalos temporalmente á proxección cinematográfica. Parte dun traballo previo xa publicado en Resina, a revista que edita a empresa Creus e Carrasco. Trátase dunha investigación titulada "Cans: arquitectura de consenso", que se inclúe entre os 34 proxectos seleccionados para o pavillón do Estado.

O traballo intenta responder a pregunta que lanza como lema a Bienal deste ano: "Como vivirmos xuntos?". Ante esta interrogación, a Creus e Carrasco viñéronlles inevitabelmente á cabeza as formas tan singulares de convivencia que se desenvolven en Cans durante os días da mostra, que neste 2020 celebrará a súa 27ª edición entre o 2 e o 5 de setembro, adiada por mor da COVID-19. "Parecíanos moi interesante como se compartían os espazos, como as veciñas abren a súa casa á xente que vén de fóra, como a levan en chimpín...", explica Creus.

De público fiel a repensar os espazos colectivos

A relación do estudio con Cans vén de lonxe. Para alén de como público, participaron da propia programación a través da sección que "Miradas de Cans" –que inauguraron–, un apartado que promove unha achega ao festival de personaxes non relacionadas co cinema, pola que logo pasarían, por exemplo, o ilustrador David Rubín ou o chef Pepe Solla.

Nos últimos anos, Creus tamén coordina a actividade "Cans Proxecta", na que o seu alumnado explora as posibilidades para reflexionar sobre os espazos da aldea e a súa paisaxe. As fórmulas de intervir o territorio, interpretar o patrimonio en ruínas ou incorporar espazos progresivamente ao festival, como aconteceu no caso do río, son cuestións centrais, así como as maneiras de interacción entre público e veciñanza, como unha das chaves deste modelo que leva o cinema ao rural tamén para entendelo desde outra óptica do común.

Para alén disto, Creus salienta outras actividades que teñen a ver co espazo, como un paseo pola vila que facía Xurxo Souto.

Ducia de Cans

Deste tempo de colaboración xurdiría unha exposición con motivo dos 12 anos de festival, que foi comisariada por Creus e Alfonso Pato, o director do evento que revoluciona a vida nesta aldea do Porriño. Na Normal (A Coruña) foi resultado dun traballo colectivo coas persoas asistentes a un obradoiro na propia entidade da exposición. No proceso empregáronse materiais semellantes aos que se usan en Cans (táboas, madeira, caixas de refrescos e pacas de palla), co fin de que moitos dos espazos creados se usasen posteriormente no evento.

De volta á Bienal

En realidade, a Bienal de Venecia xa debería estar en pleno apoxeo, mais o seu desenvolvemento tamén se viu afectado pola pandemia. De tal maneira, terá lugar entre os meses de maio e novembro de 2021. Ao proxecto de Creus e Carrasco tamén o colleu por banda o virus: a maqueta, o resultado final, aínda non está de todo rematada. Con todo, si que se poden ver algunhas partes, como a que se reproduce na imaxe.

O total inclúe os ghalpóns e o espazo da aldea e recolle ese proceso de cambio que experimenta o lugar  para adaptar o cotián en salas de cinema. Para alén disto, haberá tamén material gráfico, vídeos e paneis que axuden a entender plenamente o contexto.

Non é a primeira vez que Creus e Carrasco pasan pola prestixiosa mostra de Italia. Xa asistiron hai catro anos cun proxecto arredor do Porto de Malpica, nunha edición na que o pavillón comisariado por Carlos Quintás, tamén galego, se fixo co León de Ouro, o máximo recoñecemento outorgado pola exposición, e que só conseguira o Estado noutra ocasión.

"A Bienal é unha oportunidade para probar a arquitectura e o pensamento feito desde aquí", explica Creus. Semella que a COVID-19, como en boa parte dos eidos, provocará grande influencia na forma de entender o espazo público. Con todo, as reflexións da mostra, coa programación presentada moito antes, non irán tanto nesta dirección.

En canto ao novo contexto, Creus percibe que esa apertura da casa ao público do festival deberá ser "gradual" e empregar os elementos de transición propios do cotián. Comenta o arquitecto como xa no espazo do río desenvolveron en anos pasados unha "distribución parcelada" na que "parece que xa tiñamos en conta o que ía acontecer".

Á agarda da chegada do vindeiro ano, parece que esa "arquitectura do consenso" xa está a causar repercusión e espertar atención a nivel internacional, conta Creus.
 

Comentarios