Garrincha, o mítico futbolista brasileiro que dá nome a unha novela galega 

O “anjo das pernas tortas”, como era coñecido Garrincha, dá agora nome á primeira novela da escritora Beatriz Maceda. 

Chamábanlle o “Anjo das pernas tortas” ou “alegria do povo” e os dous nomes acaíanlle ben a Manuel Franco dos Santos, Mané, coñecido para a historia do fútbol mundial como Garrincha (1933-1983). Un dos nomes míticos do fútbol mundial forma parte do título da primeira novela de Beatriz Maceda, O album de Garrincha (Galaxia) que a autora presenta, canda Donato, o ex-futbolista do Deportivo, nesta cuarta feria na Feira do Libro da Coruña. 

Considerado o mellor dianteiro da historia, grande regateador, o Mané fora desbotado para o xogo na súa infancia. Garrincha tiña a perna dereita 6 centímetros máis curta que a esquerda, os pes virados oitenta graos e a columna vertebral torta, problemas que foron a máis polos efectos da polio. Con ese historial, nada facía presaxiar o que logo pasou. Garrincha foi elixido en 1962 como mellor futbolista do mundo, ano no que foi por segunda vez campión mundial coa selección brasileira, coa que xa gañara o título en 1958. 

A "alegria do povo" coas pernas tortas

O afán de superación do mozo saído das clases populares brasileiras en Garrincha convertíase con rapidez en mito, no ídolo seguido e admirado que contaxiaba entusiasmo co seu xogo alegre e veloz. Agora, máis de trinta anos despois da súa morte, o futbolista dá nome a primeira novela de Beatriz Maceda Abeleira, autora dun dos poucos libros que se adentra no mundo do fútbol, destinado, de maneira especial, para público infantil. 

A novela de Beatriz Maceda evoca a historia do futbolista brasileiro en O álbum de Garrincha, unha novela que fala de fútbol mais tamén de integración, de superación das dificultades e de solidariedade. “Son mestra e desde hai anos temos aulas multiculturais e dinme conta de que chegan coa morriña nos ollos, cunha tristura inmensa, sen ser referente de nada e vin que o fútbol é un deporte democrático co que a integración pode ser rápida”, explica a escritora da orixe da súa novela que quixo dar outra imaxe do fútbol, alonxada do mundo dos cartos que rodea aos deportistas de elite. 

Unha das sortes foi dar co G

arrincha, un personaxe que a fascinou e que, sen ser protagonista, evócase no libro. “O meu home e meu fillo faláronme del e pareceume unha figura extraordinaria e un compañeiro perfecto para Jõao, era un exemplo de superación, o modelo que precisaba”, sinala Beatriz Maceda. “Interesábame transmitir a idea de que si queres facer algo e tes ilusión tes que loitar para conseguilo, non deixalo no primeiro atranco”, defende e, para iso, a figura de Garrincha non podía ser máis acaída. 

A "singular" autora, con Donato

Se poucos son os libros escritos arredor do fútbol, menos aínda os que teñen unha muller como autora.  O de Beatriz Maceda pódese gabar de ser o primeiro na nosa literatura. “É un mundo masculino, é, e nunca pensei niso á hora de escribilo mais tamén é hora de mudar iso e cada vez son máis nenas as que xogan tamén no patio ao fútbol”, apunta a autora, feliz tamén de que sexa Donato, o ex-xogador do Deportivo, quen participará canda ela no acto de presentación na Feira do Libro da Coruña que terá lugar esta cuarta feira día 5 ás 19.45 horas.. “É unha grande persoa e como futbolista, un bo compañeiro. Viu xogar ao Garrincha a quen, segundo lembra, chamaban a alegría do pobo”, engade, mentres convida a buscar na rede imaxes do futbolista a xogar, unha marabilla que semella case sobrenatural.