Garrincha, o mítico futbolista brasileiro que dá nome a unha novela galega 

O “anjo das pernas tortas”, como era coñecido Garrincha, dá agora nome á primeira novela da escritora Beatriz Maceda. 

garrincha

Chamábanlle o “Anjo das pernas tortas” ou “alegria do povo” e os dous nomes acaíanlle ben a Manuel Franco dos Santos, Mané, coñecido para a historia do fútbol mundial como Garrincha (1933-1983). Un dos nomes míticos do fútbol mundial forma parte do título da primeira novela de Beatriz Maceda, O album de Garrincha (Galaxia) que a autora presenta, canda Donato, o ex-futbolista do Deportivo, nesta cuarta feria na Feira do Libro da Coruña. 

Considerado o mellor dianteiro da historia, grande regateador, o Mané fora desbotado para o xogo na súa infancia. Garrincha tiña a perna dereita 6 centímetros máis curta que a esquerda, os pes virados oitenta graos e a columna vertebral torta, problemas que foron a máis polos efectos da polio. Con ese historial, nada facía presaxiar o que logo pasou. Garrincha foi elixido en 1962 como mellor futbolista do mundo, ano no que foi por segunda vez campión mundial coa selección brasileira, coa que xa gañara o título en 1958. 

A "alegria do povo" coas pernas tortas

O afán de superación do mozo saído das clases populares brasileiras en Garrincha convertíase con rapidez en mito, no ídolo seguido e admirado que contaxiaba entusiasmo co seu xogo alegre e veloz. Agora, máis de trinta anos despois da súa morte, o futbolista dá nome a primeira novela de Beatriz Maceda Abeleira, autora dun dos poucos libros que se adentra no mundo do fútbol, destinado, de maneira especial, para público infantil. 

A novela de Beatriz Maceda evoca a historia do futbolista brasileiro en O álbum de Garrincha, unha novela que fala de fútbol mais tamén de integración, de superación das dificultades e de solidariedade. “Son mestra e desde hai anos temos aulas multiculturais e dinme conta de que chegan coa morriña nos ollos, cunha tristura inmensa, sen ser referente de nada e vin que o fútbol é un deporte democrático co que a integración pode ser rápida”, explica a escritora da orixe da súa novela que quixo dar outra imaxe do fútbol, alonxada do mundo dos cartos que rodea aos deportistas de elite. 

Unha das sortes foi dar co GBeatriz Macedaarrincha, un personaxe que a fascinou e que, sen ser protagonista, evócase no libro. “O meu home e meu fillo faláronme del e pareceume unha figura extraordinaria e un compañeiro perfecto para Jõao, era un exemplo de superación, o modelo que precisaba”, sinala Beatriz Maceda. “Interesábame transmitir a idea de que si queres facer algo e tes ilusión tes que loitar para conseguilo, non deixalo no primeiro atranco”, defende e, para iso, a figura de Garrincha non podía ser máis acaída. 

A "singular" autora, con Donato

Se poucos son os libros escritos arredor do fútbol, menos aínda os que teñen unha muller como autora.  O de Beatriz Maceda pódese gabar de ser o primeiro na nosa literatura. “É un mundo masculino, é, e nunca pensei niso á hora de escribilo mais tamén é hora de mudar iso e cada vez son máis nenas as que xogan tamén no patio ao fútbol”, apunta a autora, feliz tamén de que sexa Donato, o ex-xogador do Deportivo, quen participará canda ela no acto de presentación na Feira do Libro da Coruña que terá lugar esta cuarta feira día 5 ás 19.45 horas.. “É unha grande persoa e como futbolista, un bo compañeiro. Viu xogar ao Garrincha a quen, segundo lembra, chamaban a alegría do pobo”, engade, mentres convida a buscar na rede imaxes do futbolista a xogar, unha marabilla que semella case sobrenatural. 

Comentarios