'Lémbrame. Spominaj na mnje': Galicreques estrea unha coprodución xermano-galega

Unha escena da obra que se estrea dentro do festival. (Foto: Roman Kory)

O programa inclúe catro funcións pola tarde e cinco representacións para escolares de compañías galegas, ecuatorianas e arxentinas.

O Festival Internacional de Títeres Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde, estreará esta terza feira, 15 de outubro,Lémbrame. Spominaj na mnje, coprodución do Centro Dramático Galego e o Bautzen Theater de Alemaña. A estrea será no Salón Teatro ás 18 horas e terá unha función previa para público escolar ás 10 horas. A obra desenvolverase en dous idiomas: galego e sorobio.

A obra, que conta con Borja Insua no elenco, créase ao abeiro do proxecto Phōnē, no que estruturas teatrais de sete países desenvolven varias iniciativas conxuntas para a posta en valor de linguas minoritarias a través das artes escénicas. Nela poranse en valor dúas linguas: o galego e mais o sorobio.

Lémbrame, Spominaj na mnje é unha homenaxe á memoria, á tradición e á raíz. Unha  lenda contemporánea sobre as culturas sorobia e galega. Os novos tempos traen cambios, nada fica como antes, tampouco para o vello muiñeiro e o seu muíño. O avance do tempo ameaza con desprazar e acabar co oficio que foi transmitido de xeración en xeración. 

Outras funcións

Galicreques ofrecerá nesta terza feira outras catros funcións para o público escolar: Dientes de Leche, da compañía ecuatoriana Titiritainas, na Fundación SGAE; Inverno na lavandaría, de galega Danthea Teatro na Alameda; Los músicos de Bremen, da valenciana Teatro de Marionetas La Estrella no CSC de Santa Marta, Dinosauros, dos galegos de Larei lará no Teatro Principal, e Desde el Altillo. Historia de un Exilio, de Tres tigres, tamén na SGAE.

Ademais, ás 17 horas, a Alameda recibirá a compañía ecuatoriana Espada de Madera, que representará a obra O tío Carachos, unha proposta no mundo dos bonecos na que se integran o teatro de actores e monicreques dunha maneira precisa para cativar aos nenos e nenas. Ás 19 horas, tamén na Alameda, chegaralle a quenda á galega Olga Abad e a súa obra Un gran plan, que se enmarca na programación para público de adultos Cara Bé. Por último, o Teatro Principal recibe ás 20 horas a arxentina Gabriela González López, coa súa obra Lorca. Porvenir sin tiempo