"Se os galegos nos achegásemos á nosa realidade, teríamos máis audiencia"
Coa súa interpretación do narcotraficante Manuel Charlín na serie Fariña, boa parte do mundo exterior descubriu Antonio Durán, Morris (Vigo, 1959). O actor, veterano de mil guerras teatrais, popular na Galiza polas 14 tempadas de Pratos Combinados, asiste ao seu éxito de crítica e público na pantalla cunha miga de escepticismo. “Non vai mudar nada. Pero á miña xeración este recoñecemento chéganos nun intre en que estamos facendo cousas interesantes”, admite. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 291.
Que poden quedar ben? Si. Que pasa? Que os malos, en todos os filmes, atráennos. Al Capone era un asasino e todos quedamos coa súa imaxe. Calígula era un cabrón lúcido, e todos quedamos con el. Pero en Fariña o que se viu ate agora [a entrevista realízase o 5 de abril] son os cinco primeiros capítulos. Logo o relato é un pouco máis duro. Pero son dúas historias paralelas. Unha, a que afortunadamente levantaron as nais, coa resistencia cara á droga e en defensa da mocidade. E outra a vida paralela deles. Creo que merecen dúas historias case separadas. Logo son uns narcos que veñen do furtivismo e o seu coñecemento é curioso, é galego. Velos no xuízo e como non vas empatizar con eles? Escárallaste! Ves as declaracións dos Charlín, de Oubiña ou de Padín e engánchaste, son tan sui generis... Onte, no especial, puñan imaxes de Charlín: “Eu non son un túzaro. Que clan nin que clan nin que clan, eu non son clan nin da miña familia!”. Tantas propiedades en fincas e dicía: “Home, eu non digo que non teña fincas, pero pense que na Galiza a 20 metros chamámoslle finca”. Logo saen historias, e houbo mortes. Charlín tamén contaba: “Non, eu non forraba a hostias os meus fillos”. Pero recoñece que hai episodios certos como cando os seus fillos mallaron a Suances e metérono no frigorífico. Como este tío ten o papo de dicir que nunca lle meteu unha hostia aos fillos pero si lles mandou forrar a este e que o metesen no frigorífico. Eu non sei como foi Narcos alá...
Pablo Escobar, nalgúns lugares de Colombia, é unha figura popular, case mítica.
Claro, El Lute... Sabes que pasa? Que fas un retrato humano do delincuente. E o retrato humano do delincuente se está ben feito é moi atractivo. O mal é moi atractivo. O noso é o retrato da época. Eu dicíalle a Carlos [Blanco, que fai de Laureano Oubiña]: “Habería que amosar un pouco a relación de Charlín coa muller, non era tan malo, o que el ten na mirada”. E Carlos contestaba: “Xa tes abondo, para que amosar ese lado, non ten sentido”. Creo que si, que corre ese perigo, pero iso non é por estar contado dunha forma. É porque a sociedade quedamos con esas historias.
Antes referíase ao éxito de audiencia no Estado, pero na Galiza é aínda máis esmagante.
Si, onte tivo un 47%.
Pódese deber a que haxa un déficit de ficción na Galiza, sobre Galiza?
Claro. Eu creo que os galegos temos unha grande industria aquí, e uns profesionais da hostia, e contamos cousas próximas a través do costumismo. Daquela, identifícaste con personaxes en plan broma. Pero se nos achegásemos á nosa realidade, teríamos máis audiencia.
[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 291, á venda nos quiosques e na loxa]