Galaxia publica unha antoloxía poética de Manuel María

Chega ás librarías a Antoloxía Poética de Manuel María realizada por Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro Portela, unha ampla mostra da súa extensísima obra e da variedade dos seus temas e formas.

Manuel María_LQ
photo_camera Manuel María

Vén de saír do prelo a Antoloxía Poética de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016, realizada por Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro Portela e publicada pola Editorial Galaxia. Esta antoloxía recolle unha ampla mostra da enorme dimensión da obra poética de Manuel María e da variedade dos seus temas e formas, pensada para todo tipo de lectores que se queiran achegar por primeira vez á poesía do autor chairego e tamén para aqueloutros que queiran revisitar, recollidos nun só libro, poemarios lidos e poemas lembrados.

Os textos ordenáronse pola da data de escritura dos libros aos que pertencen. Para escollelos, tivéronse en conta todas as edicións realizadas en vida do autor e as distintas antoloxías da súa obra publicadas. Confrontouse un bo número de poemas coas edicións anteriores publicadas en revistas ou xornais. Dalgúns libros consultáronse tamén os mecanoscritos custodiados na Fundación Manuel María e orixinais do autor que forman parte da colección dos propios antólogos. O libro complétase cun limiar escrito polo poeta e académico Darío Xohán Cabana, no que se estuda de maneira sintética e accesible a obra de Manuel María, os seus diferentes períodos, temas e aspectos formais.

Comentarios