A Fundación Torre-Pujales denuncia as "trabas" do Concello ao Museo de Arte Contemporánea Costa da Morte

Valoran trasladar o Maccmo fóra da parroquia de Corme.
Fachada do Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte (Maccmo) de Corme, Ponteceso. (Foto: Maccmo)
Fachada do Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte (Maccmo) de Corme, Ponteceso. (Foto: Maccmo)

A semana vindeira remata o prazo dado polo Concello de Ponteceso (Bergantños) para que a Fundación Torre-Pujales, responsábel do Museo de Arte Contemporánea Costa da Morte (Maccmo) de Corme, acepte un novo convenio ou, caso contrario, abandone o inmóbel que ocupa. As diferenzas entre o actual Goberno municipal e a entidade cultural aumentaron nos últimos meses con acusacións mutuas e unha irreconciliábel visión do futuro da institución.

No novo documento que rexeita a fundación, o Concello recolle que o Maccmo só poderá utilizar unha das catro plantas do edificio situado na rúa Real número 14, non poderá dispor das chaves do inmóbel, deberá asegurar as obras expostas e outro para posíbeis danos ademais de ter que deixar de contar coas instalacións actuais para almacenar as obras de arte. 

Fundación Torre-Pujales

En declaracións a Nós Diario, Encarna Pisonero, patroa da fundación, considera que é “incomprensíbel que non se teña en conta que o de Maccmo é un dos catro únicos museos de arte contemporánea que hai na Galiza na actualidade, xunto aos de Santiago, Vigo e A Coruña”. Segundo Pisonero, agora o Maccmo ten "unhas 700 obras entre as que hai estranxeiras procedentes das bolsas de artistas residentes". 

Sobre o ultimato municipal, a patroa da fundación rexeita as condicións que lles dan e anuncia que "se non queren o museo, levaremos as obras a outra parte". A responsábel da fundación considera que "as institucións non está axudando á cultura" e critica que a Xunta da Galiza poña como escusa, no seu caso "que é unha fundación privada cando nós fixemos doazón de toda a obra ao pobo galego".

Pisonero, ademais, relata que o problema xurdiu cando, unha vez rematada a restauración do edificio que doou a presidenta da fundación, Cristina Torre, recibiron unha subvención dos fondos europeos "que se tiveron que devolver por non abrir o inmóbel no prazo estipulado e foi daquela cando o mercou o Concello". A patroa da fundación cre que o que aconteceu nese momento foi que "o alcalde nese momento, tamén do PP, tiña interese en quedarse co edificio para que fixera de Casa de Cultura". Agora, co actual alcalde, José Manuel Mato, sinala que "nun principio tiña interese en que funcionara tal e como está, mais despois todo foron enfrontamentos". 

Cumprir as normas

O alcalde, pola súa parte, asegura a Nós Diario que a súa intención é que o museo "quede en Corme, mais cumprindo unha serie de normas e deixando que nós xestionemos o edificio". Alén de pedir que se fagan cargo das cláusulas que hai no novo convenio, Mato aclara que "o Concello non se fará cargo de ningún traslado máis" e exixe un inventario "real" das obras que custodia a fundación. Neste sentido, o rexedor pontecesán  denuncia que nunha visita que realizou aos almacéns do edificio viu "varias obras danadas das que o Concello non se vai facer cargo, por ese motivo pedimos que se fagan un seguro".

Esta semana, o museo recibiu varias mostras de apoio. É o caso da Asociación Profesional de Artistas da Galiza, A Colectiva, que nun comunicado afirma que o seu feche "suporía a perda dun espazo artístico cun importante valor cultural para a comunidade local e para o conxunto de axentes culturais e artistas da Galiza". 

Comentarios