O fotógrafo José Suárez será o homenaxeado no Día das Artes Galegas 2026

Retrato de José Suárez en Punta del Este, Uruguai, co seu can Mambrino. (Foto: josesuarezfernandez.wordpress.com)
A fotografía e o cinema centraron a súa carreira profesional na Galiza e no exilio.

A Real Academia Galega de Belas Artes acordou este sábado, 28 de xuño, dedicar o Día das Artes Galegas 2026 ao fotógrafo José Suárez. A escolla tivo lugar durante a celebración do seu plenario mensual, encontro académico no que "tras votación regulamentaria do pleno", presidido por Manuel Quintana Martelo, se deu a coñecer a decisión.

A iniciativa desta conmemoración na xornada de cada 1 de abril, naceu da Academia no ano 2015, celebrando a Mestre Mateo, quen nesa data do 1188  dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición, de ano 2025, a figura homenaxeada foi o artista multidisciplinar compostelán Isaac Díaz Pardo.

Traxectoria vital e profesional

A Academia Galega de Belas Artes tivo en conta para esta dedicación os seus numerosos méritos de José Suárez, como ser considerado o fotógrafo galego máis internacional. Licenciado en Dereito pola Universidade de Salamanca, exerceu como fotógrafo e cineasta. Foi amigo de Miguel de Unamuno, que prologou o seu libro 50 fotos de Salamanca.

A súa traxectoria estivo influída polo pensamento da Revista de Occidente e as ideas artísticas das vangardas. No 1935 expón en París e Madrid. Comeza a rodar no ano 1936 o documental Mariñeiros interrompido polo Golpe de Estado. Exiliase na Arxentina en 1937, e alí vai traballar como realizador e director de fotografía de varios filmes.

 
En 1938 dirixe o filme La mujer y el jockey. É premiado pola fotografía no filme Malambo no 1942. Foi fotógrafo no xornal La Prensa, en Bos Aires. En 1950 trasladouse a vivir a Uruguai, onde rexenta a libraria El yelmo de Mambrino. En 1956 viaxa a Xapón de correspondente de prensa. Alí namorase da cultura nipoa e o teatro clásico "Noh". No seu periplo por Xapón coñece o director de cine Akira Kurosawa, co que mantivo unha boa amizade. Cos anos colabora coa revista Life, US Camara, Vida gallega, Galicia emigrante, Atalaya, Ahora e Cinegraf, entre outras.

En 1959 regresa a Galiza. Aquí retrata a súa familia e inicia novos proxectos. Nos 60 edita a La Mancha, que responde ao proxecto de documentar a ruta que percorrera o Quixote na novela de Cervantes. Tamén ilustra parte da Historia de Galicia de Otero Pedrayo e desde o ano 1971 participa nas tertulias do hotel Miño de Ourense onde é moi querido por Carlos Casares e o grupo dos "artistiñas".
 
José Suárez é autor de numerosas publicacións e protagonista doutras moitas exposicións, moitas abertas ao público tras a súa morte en 1974, na Guarda. No 50 aniversario do seu pasamento, a historiadora da arte, crítica e comisaria de exposicións Mecedes Rozas, escribiu en Nós Diario sobre a calidade da obra deste fotógrafo universal.

As fotos de Suárez, resaltou Rozas, "son precisas, cada unha ten vida por si mesma, cada unha é reveladora dun mundo particular interpretado pola obxectividade da mirada". A celebración do 1 de abril de 2026, Día das Artes Galegas, renderá homenaxe ao seu traballo e permitirá descubrir todas as facetas artísticas do fotógrafo.