Formig4s, unha colección de aventuras para coñecer as cidades do mundo

Pere Tobaruela e Andrés Meixide

Misión París e Misión Nova York son os dous primeiros títulos da colección Formmig4s (Xerais) de Pere Tobaruela e Andrés Meixide, as aventuras da brigada especial que nos levará por distintas cidades do mundo. 

París e Nova York son as primeiras cidades que visitan a brigada formada por Formos4, Forx4n, Fornel4 e Form4il, catro personaxes que viaxarán por todo o mundo para botar luz sobre enigmáticos casos. Nacen do traballo conxunto do escritor Pere Tobaruela e o ilustrador Andrés Meixide que deron vida ás dúas primeiras fantásticas historias nos escenarios reais das dúas atraíntes cidades. 

“Os personaxes presentarán a xeografía e historia deses lugares nun sentido pedagóxico e divertido a través dunha aventura de investigación e acción na que ten tanto peso a palabra como a imaxe”, explica Pere Tobaruela, dos dous primeiros números aos que seguirá Barcelona. Desde a tipografía á imaxe, da historia ás personaxes a colección nace con vontade de ofrecer un produto novo, atraínte para as primeiras idades mais que quere  convidar a pegar neles a persoas de todas as xeracións. “Non sabería definilos. Son híbridos con vocación renovadora no mundo da edición, abrindo novos camiños. Trátase dunha viaxe metaliteraria, dicirlle aos rapaces, aquí estamo

s para conxugar todo”, afirma o escritor que defende tamén o papel do editor Manuel Bragado na xénese do proxecto. “Pódese dicir que foi a tres bandas. Súa foi a idea de iniciar unha colección con este perfil e a nós pareceunos unha iniciativa estupenda”, comenta coa seguridade de que no mundo editorial galego poden nacer proxectos novos non só para o noso mundo senón tamén con interese abondo para exportar a outras linguas. 

Imaxes con vida

Monumentos, cemiterios, prazas ou rúas das cidades compoñen as imaxes á maneira de guía trotamundos, para convidar a ir desde o propio coñecemento dos seus autores. Pere Tobaruela visitou París e Andrés Meixide coñece Nova York e as súas visións sobre as cidades transmítense a través dos dous volumes. “Pensamos en que cidades poden potencialmente resultar atraín tes e as dúas foron as primeiras escollidas para chamar a atención no lanzamento mais logo visitarán máis e, quen sabe, ao mellor tamén veñen a Galiza”, aventura Pere Tobaruela dunha colección que pensa en rapaces e rapazas de arredor de dez anos mais que confía manterse nas librarías, como un produto de interese fóra tamén do circuíto educativo. 

 “Teño intuición de que vai enganchar aos nenos e ten potencia para exportar e iso mostra tamén a altura do noso sector editorial"

A colección evoca aquelas vellas series de personaxes infantís que engaiolaban ás crianzas de maneira intensa nos anos setenta e oitenta. Como en Formig4s, as aventuras e a afectividade cos distintos personaxes eran o xeito de engaiolar na lectura. “Todo está inventado e trátase tamén de recuperar esa complicidade cos personaxes. Buscamos esa identificación, os Formig4s baten sempre contra o mesmo elemento e queremos que haxa tamén unha relación intensa con Paumao, o malo da serie”, di un dos autores, o creador da parte literaria da colección. 

“Intriga, misterio e re

alismo máxico son elementos dos libros. En París unha muller escapa dun cadro e en Nova York a estatua da Liberdade ten vida. Tentamos impactar e crear misterio e que nenos e nenas se sintan partícipes”, defende Pere Tobaruela para quen obriga dos autores é conseguir novos lectores e lectoras para o galego, conseguir que a atención repare nos novos libros. “Teño intuición de que vai enganchar aos nenos e ten potencia para exportar e iso mostra tamén a altura do noso sector editorial. Escribir en galego non é unha limitación senón pode dar moitas oportunidades”, afirma este escritor catalán-galego que opta con convencemento por escribir na nosa lingua. 

“Pretendiamos crear unha nova serie de novela de aventuras cuxos títulos contribuísen, ademais do engado da súa lectura e da súa achega á formación do lector literario, a fomentar o interese pola localización xeográfica e o coñecemento histórico”, comentou o editor Manuel Bragado no seu blog “Brétemas” xa cos dous primeiros libros na man que, segundo di, superan as súas expectativas iniciais.