Fonte de Troncoso, un patrimonio cultural que volve a mans públicas

Un xulgadode Madrid emitiu un auto polo que se autoriza a cesión do inmóbel da Fonte de  Troncoso, en mans dunha empresa privada en concurso, ao Concello de Mondariz Balneario
Fonte-de-Troncoso Foto Lista Roja patrimonio
photo_camera Fonte de Troncoso (Foto: Lista Roja Patrimonio)

O xulgado número 5 do Mercantil de Madrid emitiu un auto polo que se autoriza a cesión do inmóbel da Fonte de  Troncoso ao Concello de Mondariz Balneario

O Valedor do Pobo recibiu unha queixa en relación a este inmóbel, que estaba en ruínas e que forma parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galiza e pertencía a unha empresa en concurso ordinario, Fuentes Capital S.A., segundo recolle a propia información do propio Valedor.

A Fonte de  Troncoso está formado por dous volumes arquitectónicos, a propia fonte e as oficinas da antiga planta  embotelladora.

A cuberta deste último edificio derrubouse en marzo de 2019 polo estado no que se atopaba. Veciños da localidade realizaron accións reivindicativas sobre este inmóbel proxectado por Antonio Palacios. Aí naceu a plataforma SOS Fonte de Troncoso.

A  Valedora  do  Pobo abriu unha investigación polo incumprimento do deber de conservación que o artigo 32 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galiza, que se impón ao propietario, posuidor ou titular de dereitos reais sobre bens pertencentes ao patrimonio cultural de Galiza.

Segundo investigacións efectuadas polo concello, resultou que a propiedade do inmóbel correspondía a Fuentes Capital S.A., sociedade en liquidación, un procedemento que se segue no xulgado do Mercantil número 5 de Madrid. De forma paralela, o Concello de Mondariz Balneario iniciou o 7 de marzo de 2019 un expediente en relación co estado de ruína en que se atopaba a Fonte de  Troncoso.

Ademais, a institución municipal informou sobre o seu interese en facerse coa propiedade do inmoble para poder reparar os danos que presentaba o ben e devolverlle "o esplendor" que un día tivo esta obra arquitectónica.

Durante o proceso, o concello mantivo contacto co administrador concursal de Fuentes Capital e en distintos correos electrónicos informouse do estado de deterioración do inmoble, así como trasladouse o malestar dos veciños. O administrador concursal chegou a indicar que o inmóbel non figuraba como activo da entidade e que tampouco existía saldo para acometer as reformas que se solicitaban.

Finalmente, tendo en cuenta as particularidades do caso e a "urxencia" de actuar para evitar un dano "irreparábel" nun elemento cultural, e en aras da colaboración entre administracións, a  Valedora  do  Pobo dirixiuse ao órgano xudicial, que vén de confirmar á institución a decisión de autorizar a cesión da Fonte do Troncoso.

Desde o BNG de Mondariz solicitaron a convocatoria dun pleno extraordinario para esta quinta feira no que tratar a recuperación do paseo de Troncoso, espazo central no conxunto histórico da vila balnearia..

Comentarios