'Foliada!', a homenaxe de Gadis e a Xunta ás cantareiras que reúne literatura, música e ilustración
A Xunta da Galiza e Supermercados Gadis presentaron esta sexta feira 'Foliada!', un proxecto artístico que combina literatura, música e ilustración nunha caixa deseñada a modo de vinilo musical en homenaxe ás cantareiras.
Segundo trasladou a cadea de distribución alimentaria xunto ao Goberno galego, a iniciativa reúne cinco escritoras e cinco ilustradoras da Galiza que plasmaron en cinco láminas a súa visión da cultura popular.
En concreto as autoras da parte escrita son Ledicia Costas, Yolanda Castaño, María Solar, María Lado e Esther F. Carrodeguas, mentres que a parte artística realizárona Laura Tova, Laura Mahía, Xoana Almar, María Montes e Iria Fafián.
Gadis regalará 30.000 unidades de 'Foliada!', até fin de existencias, en distintos supermercados da Galiza a vindeira sexta feira 16 de maio. Tamén se repartirán 40.000 bolsas da compra de papel reciclado cunha chiscadela ás figuras de pandereteiras homenaxeadas este ano.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou durante a presentación do proxecto esta sexta feira no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a "orixinalidade e calidade" da iniciativa, que demostra a "implicación e compromiso" dos sectores económicos na difusión da cultura e a lingua galega.
Así mesmo, salientou que estas accións permiten "unir e estabelecer pontes entre as creadoras do pasado coas actuais" e que non só serven para "recoñecer a contribución á cultura e á lingua das cantigas populares e das cantareiras", senón que á vez son "tremendamente efectivas para que teñan continuidade nas novas xeracións.
Nesta liña, animou a máis empresas e entidades a incorporar o uso da lingua galega nas súas estratexias, ao amparo das vantaxes do futuro selo de recoñecemento de "compromiso de uso e boa práctica da lingua".
'Camiño Das Letras'
Ademais, esta sexta feira o titular de Cultura anunciou a nova edición da carreira 'Camiño das Letras', que decorrerá o sábado 17 de maio con dúas rutas principais: unha de 16 quilómetros que partirá do Pico Sacro con meta na Cidade da Cultura, e outra con cinco, que fará un percorrido polo Bosque da Galiza.
Esta proba deportiva, explicou o conselleiro, combina a actividade física, a celebración cultural e a posta en valor do Camiño de Santiago e é "só unha mostra máis" das colaboracións que se realizan para homenaxear ás cantareiras.
A actividade forma parte da programación impulsada desde o Goberno galego en colaboración coa Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega (CCG), a Televisión de Galicia (TVG) e outras entidades públicas e privadas. Así mesmo, a colaboración faise coa empresa Xurdir e a Federación Galega de Atletismo (FGA).