Flor Maceiras, Luís Emilio Batallán e Antonio Manuel Fraga, entre os gañadores dos Premios da Crítica

A Asociación Premios da Crítica de Galicia deu a coñecer esta tarde en Vigo o resultado da XL edición dos galardóns. Entre os premiados están a actriz Flor Maceiras, a historiadora María Luisa Sobrino, o escritor Antonio Manuel Fraga, o xornalista Marcos Pérez Pena e o músico Luís Emilio Batallán. Tamén foron distinguidos o Grupo Nove, o Festival S8 de Cine Periférico da Coruña e o Programa ConCiencia da USC.

PREMIADOS
photo_camera Os premiados, co alcalde de Vigo e o concelleiro de Cultura, esta tarde.

Corenta anos facendo país para sermos máis nós, foi o lema que hoxe presidiu no Hotel Os Escudos de Vigo a entrega dos premios e que reuniu, entre outras personalidades, a Abel Caballero, alcalde de Vigo; Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Román Rodríguez, conselleiro de Educación e Cultura; Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra; e Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega.

antonioBieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, foi dando conta da decisión dos xurados. Respecto da obra gañadora na categoría de creación literaria, o xurado subliñou "o enxeñoso acercamento ao estraño, mesturando brillantemente o sobrenatural co fantástico, onde sobrancea a habil creación de ambientes perturbadores que nos acaban afectando do mesmo xeito que ao ficticio Lovecraft”. Deste xeito, Antonio Manuel Fraga recollía o galardón que o ano pasado distinguira a María do Cebreiro, hoxe parte do xurado.

O xurado do Premio de Música valorou de Luís Emilio Batallán “a súa traxectoria até a actualidade, a súa reivindicación e renovación da canción galega, a historicidade e dimensións das súas composicións que forman parte xa da cultura galega e do imaxinario colectivo de varias xeracións”. 

Da galardoada co Premio de Artes Plásticas, a historiadora da arte María Luisa Sobrino, o xurado recordou que foi "pioneira no ensino da plástica contemporánea sendo impulsora da rede interdisciplinar da cultura galega". E da premiada na categoría de Artes Escénicas, Flor Maceiras, dixo que é unha mestra "comprometida cunha formación teatral íntegra concibida desde a base e desde as marxes, que ten o seu obxectivo primordial na igualdade de xénero concibida desde o presuposto da calidade artística”.

FlorOs Premios da Crítica Galicia tamén situaron á mostra S8 de cine periférico da Coruña "entre os mellores festivais de cinema de vangarda do mundo", e agradeceu ao Grupo Nove que fora quen de "poñer en valor dende as súas orixes a materia prima galega facéndoa internacionalmente visible". Do Programa Conciencia salientou que “sexa unha iniciativa de divulgación científica consolidada no tempo optimizando uns recursos económicos cada vez máis minguados", e finalmente valorou "a cantidade, calidade e diversidade das propostas presentadas que reflicten o auxe da investigación científica e do pensamento en Galicia” na concesión do Premio de Investigación 2017 ao traballo do xornalista Marcos Pérez Pena A prensa en Galicia na Transición.

PREMIOS

Creación Literaria: Querido H.P.Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga


Investigación: A prensa en Galicia na Transición, de Marcos Pérez Pena


Música: Luís Emilio Batallán


Iniciativas Culturais e Científicas: Programa ConCiencia da USC


Artes Plásticas: María Luisa Sobrino 


Artes Escénicas: Flor Maceiras 


Cine e Artes Audiovisuais: Festival S8 de Cine Periférico da Coruña


Cultura Gastronómica: Grupo Nove

As fotografías no corpo do texto corresponden ao momento en que Antonio Manuel Fraga e Flor Maceiras recolleron os seus galardóns.

Comentarios