Flor Maceiras, Luís Emilio Batallán e Antonio Manuel Fraga, entre os gañadores dos Premios da Crítica
A Asociación Premios da Crítica de Galicia deu a coñecer esta tarde en Vigo o resultado da XL edición dos galardóns. Entre os premiados están a actriz Flor Maceiras, a historiadora María Luisa Sobrino, o escritor Antonio Manuel Fraga, o xornalista Marcos Pérez Pena e o músico Luís Emilio Batallán. Tamén foron distinguidos o Grupo Nove, o Festival S8 de Cine Periférico da Coruña e o Programa ConCiencia da USC.
Corenta anos facendo país para sermos máis nós, foi o lema que hoxe presidiu no Hotel Os Escudos de Vigo a entrega dos premios e que reuniu, entre outras personalidades, a Abel Caballero, alcalde de Vigo; Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Román Rodríguez, conselleiro de Educación e Cultura; Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra; e Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega.
O xurado do Premio de Música valorou de Luís Emilio Batallán “a súa traxectoria até a actualidade, a súa reivindicación e renovación da canción galega, a historicidade e dimensións das súas composicións que forman parte xa da cultura galega e do imaxinario colectivo de varias xeracións”.
Da galardoada co Premio de Artes Plásticas, a historiadora da arte María Luisa Sobrino, o xurado recordou que foi "pioneira no ensino da plástica contemporánea sendo impulsora da rede interdisciplinar da cultura galega". E da premiada na categoría de Artes Escénicas, Flor Maceiras, dixo que é unha mestra "comprometida cunha formación teatral íntegra concibida desde a base e desde as marxes, que ten o seu obxectivo primordial na igualdade de xénero concibida desde o presuposto da calidade artística”.
PREMIOS
Creación Literaria: Querido H.P.Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga
Investigación: A prensa en Galicia na Transición, de Marcos Pérez Pena
Música: Luís Emilio Batallán
Iniciativas Culturais e Científicas: Programa ConCiencia da USC
Artes Plásticas: María Luisa Sobrino
Artes Escénicas: Flor Maceiras
Cine e Artes Audiovisuais: Festival S8 de Cine Periférico da Coruña
Cultura Gastronómica: Grupo Nove
As fotografías no corpo do texto corresponden ao momento en que Antonio Manuel Fraga e Flor Maceiras recolleron os seus galardóns.