A Filmoteca de Galiza mostra a colaboración cos festivais

Fotograma de 'Jeanne Dielman, 23, quai du Commerce, 1080 Bruxelles', de Chantal Akerman, 1975. (Foto: Nós Diario).
O programa de maio da Filmoteca presenta obras seleccionadas co Play Doc de Tui e o (S8) da Coruña.

A Filmoteca de Galiza comeza hoxe coa súa programación do mes de maio, na que están previstos dous ciclos organizados en colaboración co festival Play-Doc de Tui: un dedicado á directora belga Chantal Akerman e outro ao cineasta indio Aravindan Govindan. Entre os filmes que se exhibirán de Akerman, están catro curtas inéditas e a longametraxe Jeanne Dielman, 23, quai du commerce, 1080 Bruxelles, que foi recentemente elixida nunha enquisa como mellor filme da historia, ademais doutros títulos como News from home, Hanging Out Yonkers, ou La chambre. De Govindan poderán verse dúas películas Thampu e Kummatty, ambas recoñecidas como obras mestras pola crítica. 

A Filmoteca también colabora co festival (S8), que se desenvolverá na Coruña do 26 de maio ao 4 de xuño, con varias sesións nas que se poderan ver, entre outras cousas, imaxes inéditas do mítico director vasco Iván Zulueta.

 

 

Cine galego e checo

Ademais, a Filmoteca rematará dous ciclos xa iniciados con anterioridade: o dedicado ao cineasta alemán Peter Nestler e o que mostra a obra da actriz e directora Kinuyo Tanaka. 

'7x7: Novas películas checas'  é o título do ciclo que se inicia este mes e que presentará filmes de, entre outros, David Ondříček e Tomáš Hodan, nun intento de dar unha visión da cinematografía das últimas xeracións de cineastas da República Checa.  

A programación complétase coa exhibición de películas galegas estreadas recentemente (O corpo aberto, de Ángeles Huerta e María Casares, a muller que viviu mil vidas, de Xavier Villaverde), unha proxección de títulos de Rita Azevedo Gomes, José Oliveira e Marta Ramos, Pan Nalin,  Jerzy Skolimowski e David Varela.