Os filmes galegos seguen a recibir premios internacionais

Panamá e Venezuela galardoan tres traballos dos directores galegos Fon Cortizo, Marcos Nine e Javi Camiño.
Fotograma do filme '9 fugas', de Fon Cortizo (Foto:9 Fugas).
photo_camera Fotograma do filme '9 fugas' de Fon Cortizo (Foto:9 Fugas).

O cinema galego continúa a ser recoñecido tamén fóra do país. Estes días tres traballos audiovisuais colleitaron galardóns en dous festivais na outra beira do Atlántico. 

Os primeiros premios chegaron do Festival Internacional de Cine Iberoamericano de Caracas, en Venezuela, onde o filme 9 Fugas (2020) de Fon Cortizo levou tres importantes premios e o documental A Virxe Roxa (2021) de Marcos Nine tamén voltou co galardón do seu xénero. O terceiro filme premiado foi Jacinto, a ópera prima de Javi Camiño, que levou o recoñecemento do Panamá Horror Film Fest- Festival de Cine e Cultura de Terror de Panamá. 

A cita venezolana premia dous filmes

León de Ouro ao Mellor filme do certame, Mellor longametraxe iberoamericana e Mellor dirección son os tres galardóns que a película de Fon Cortizo sacou desta cita venezolana. 9 Fugas, gravada en galego, parte da banda sonora creada por unha orquestra de improvisación dirixida da que xurdiron a historia e as imaxes. O filme estrutúrase en 9 capítulos que son vasos comunicantes a través dos que flúe un relato.

No reparto, Cortizo contou coa  participación de Areta Bolado, Ailén Kendelman, Olga Cameselle, María Roja, Lola Quirós, Alfredo Rodríguez, Noelia Castro e Marta Pérez

Co premio á mellor longametraxe documental volta de Caracas Marcos Nine pola súa obra A Virxe roxa (Recrea Films). Nela, Nine recolle un episodio real, o caso de Aurora Rodríguez, feminista que en 1933 mata a tiros á súa propia filla Hildegart, de dezaoito anos, a quen preparara previamente para ser un símbolo da liberación feminina como ferramenta das súas propias ideas. A película é unha das finalistas ao premio Mestre Mateo deste ano a mellor documental. 

Premio á última película de Pedro Brandariz

O filme Jacinto, de Javi Camiño, ven de recoller tamén un recoñecemento noutra cita latinoamericana: o Panamá Horror Film Fest- Festival de Cine y Cultura de Terror de Panamá.

Protagonizada polo tristemente desaparecido Pedro Brandariz, acadou o favor do xurado no certame internacional de xénero. Esta obra tamén é outra das cintas finalistas desta edición dos Premios Mestre Mateo.

Comentarios