Cinema con proxección

Oito filmes galegos no Festival de Málaga

Alén de Lúa Vermella, de Lois Patiño, que se proxecta hoxe por primeira vez no Estado, o Festival de Málaga estrea as últimas curtametraxes de Noemi Chantada ou Marcos Nine.

xoves
photo_camera 'Xoves de Comadres', de Noemi Chantada.

O Festival de Málaga constitúe unha das citas máis importantes do cinema a nivel estatal, cuxa 23ª edición deu comezo a semana -logo de adiar as súas datas máis de cinco meses por mor da pandemia- cunha importante presenza da creación galega. E isto malia que a situación de emerxencia sanitaria provocou unha redución da programación inicial de 25%.

En total oito producións galegas forman parte das diferentes seccións oficiais. Lúa vermella, de Lois Patiño, terá a súa proxección dentro do programa de Zonacine, logo de ser estrada no Forum da Berlinale. A longametraxe de ficción vén de anunciar ademais que chegará á Galiza como un dos pratos fortes do Curtocircuíto (Compostela) en outubro.

As curtametraxes veñen pisando forte

Xoves de Comadres, de Noemi Chantada, fixo a súa primeira proxección dentro da Sección Oficial de Curtametraxes de Ficción. Trátase dunha peza que coloca os coidados no centro e que poderá verse na estrea na Galiza hoxe mesmo dentro da programación da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) organizada polo Museo do Pobo Galego.

Outra das seleccionadas é Homomaquia, de David Fidalgo, incluída na Sección Oficial de Curtametraxes Animazine. logo dun longo percorrido por festivais internacionais e de ser candidata ao Goya. Esta peza, animada con máis de 8.000 debuxos feitos á man, conta a historia dun mundo onde os seres humanos, cun carácter primitivo e máis animal, son tratados por uns seres sombríos da mesma maneira na que na realidade tratamos os touros.

Marcos Nine tamén estrea Carta Nº4, neste caso na Sección Oficial de Curtametraxes Documentais. Ambientada nunha campaña electoral, moi marcada polo contexto de crise de 2008, naceu como un proxecto de correspondencias co director Eloy Domínguez Serén, hai oito anos, aínda que non se rematara daquela. Cumpría distancia para facelo.

Mare, de Guille Vázquez, atópase tamén na Sección Oficial de Curtametraxes de Ficción, unha obra baseada no cadro The Nightmare, de Henry Fuseli. Xunto a ela, Ata o ceo (Daniel Calparsoro), a autoetnografía íntima de A media voz (Heidi Hassan e Patricia Pérez Fernández), e Carne (Camila Kater) completan a escolma galega

Comentarios