O filme 'O carro e o home' deu inicio á XXª edición do MICE

Inauguración da MICE. (Foto: Arxina)
A proxección contou coa participación de Pepe Coira, historiador do cinema galego e coñecedor do filme e da obra dos seus artífices.

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) inaugurou esta cuarta feira, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, a súa vixésima edición coa presentación da copia dixitalizada do filme fundacional do cinema galego O carro e o home.

A cinta orixinal foi realizada en 1940 con guión de Xaquín Lorenzo, "Xocas", e Antonio Román. O filme é un relato da vida do carro como un símbolo da cultura material tradicional galega. Tátase dunha obra fortemente influenciada polo cinema soviético e o traballo de Flaherty na que o elenco está formado polos veciños da aldea de Facós, no concello ourensán de Lobeira, de onde era Xocas.

En 1980, o etnógrafo ourensán xunto co cineasta Eloy Lozano e co patrocinio do Museo do Pobo Galego, fixo unha nova montaxe cunha sonorización menos folclorizada  e con texto e locución do propio Xocas. Esta segunda versión, recén dixitalizada, protagonizará a apertura da MICE, nun acto de homenaxe ás persoas que iniciaron a cinematografía galega e que viron no cinema un xeito de colaborar co patrimonio cultural do país.

A proxección contou coa participación de Pepe Coira, historiador do cinema galego e coñecedor do filme e da obra dos seus artífices. Autor do libro No verán de 1940. Crónica da película 'O carro e o home'. Coira conversará mañá, no marco da programación para profesionais, coas persoas asistentes para afondar nas particularidades e da significación do filme.

Durante o día de hoxe, o festival continuará con varias proxeccións das seccións oficial internacional (Kongo, de Daiana Araujo; Cuerpos en tránsito, de Mario Moreno Iglesias; Silence of Reason, de Kumjana Novakova), Impropias (con dous filmes do ciclo dedicado á letoa Laila Pakalniņa, Pa Rubika ceļu e Sniegs), Trazas (Un dessert pour Constance, de Sarah Maldoror) e Lindes (coa preestrea do documental Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca, premiado no Festival de Málaga e no Play-Doc de Tui, e que se estreará en salas o vindeiro 21 de marzo..