Fillas de Cassandra lanza un convite a "desobedecer" no seu novo álbum
As Fillas de Cassandra anunciaron esta quinta feira, a través dun vídeo nas súas redes sociais, que neste 2026 o grupo presentará o seu segundo LP, Tertúlia. Neste álbum, producido por Çantamarta e polas propias Fillas de Cassandra, Sara Faro e María SOA lanzan un convite a "desobedecer". "Nun contexto marcado pola fragmentación da comunidade, sentar a falar e escoitar convértese nun xesto político", reivindican.
En Tertúlia hai conversas, chamadas, pensamentos en voz alta, cortes, repeticións, voces que se superpoñen e moitos risos e formas que se atopan e mesturan, desde a proximidade, nos espazos de encontro, confesión e festexo.
O novo disco, que chegará na primavera e contará con destacadas colaboracións que polo momento non foron anunciadas, é unha proposta arriscada e incisiva coa que Fillas de Cassandra amplía o seu universo instrumental e ensancha os marcos da sonoridade percutiva que caracteriza ao dúo.
A electrónica contemporánea, a experimentación coas voces e as harmonías, que xa avanzaban no seu EP Hibernarse, encóntranse nesta Tertúlia cunha forma de composición e escrita xenuína e afiada.
O primeiro avance do disco poderase escoitar a partir do 30 de xaneiro nas principais plataformas dixitais. O sinxelo acompañarase dun videoclip rodado en Vigo, cidade natal de ambas as artistas, dirixido por Santi Iglesias, Sergio Steel e Fillas de Cassandra.
Un equipo que foi tamén o encargado da peza audiovisual publicada na mañá desta quinta feira no que as artistas agardan o autobús da Tertúlia, mostrándose alborotadas e con ganas de sacar "a fera de dentro que nos quere saír e facerse vosas". No vídeo, que se pode visualizar nas redes sociais do grupo, María Pérez e Sara Faro animan a agardar xunto con elas polo seu novo álbum.