A fiestra aberta de Rosalía de Castro
“Abride a fiestra que quero ver o mar” foron, segundo a versión da súa filla Gala, as últimas palabras de Rosalía de Castro antes de morrer en 1885. Desde o pasado ano, a primeira parte da frase é tamén o nome do festival que, na Casa da Matanza en Padrón, celebra a cultura galega. O 13 e 14 de xullo música, conferencias ou presentacións de libros encherán o lugar.
Na letra capital do programa atópanse os músicos e músicas: a gaiteira Cristina Pato, as cantantes Ugia Pedreira e Davide Salvado -ambas as dúas entre as máis recoñecidas renovadoras da música galega de raíz-, o cantautor rock Secho, a Coral de Padrón ou o espectáculo infantil de Paco Nogueiras.
Abride a Fiestra coincide co cabodano de Rosalía de Castro, o 15 de xullo. E comeza o sábado 13 “cun recital poética multilingüe” en que participan o Colectivo de Poetas en Bruxelas -nomes como Taha Adnan, Serge Meurant, Ramón Neto ou Xavier Queipo-, Chus Pato ou Yolanda Castaño. Cristina Pato pechará a xornada.
O día grande do evento é o domingo 14 de xullo. A abondosa secuencia de actos inclúe visitas guiadas pola Casa de Rosalía a cargo do escritor Pedro Feijoo, o profesor e ensaísta Francisco Rodríguez, o historiador e académico Xosé Ramón Barreiro, o deseñador Pepe Barro, a poeta Olga Novo e o estudoso da horta rosaliana Carlos Dacal.
Regueifas de Lupe Blanco e Kike Estévez, a proxección de Contou Rosalía de Zaza Ceballos, o concerto de Nogueiras farán parte da oferta máis lúdica. Ao tempo, no auditorio sucederanse presentacións e relatorios: do libro Cartas a Murguía II ou a conferencia de Méndez Ferrín Rosalía, A Matanza e Rodríguez del Padrón e a de Carlos Castelao sobre as fotos da autora de Follas Novas.
O cartaz musical do 14 de xuño contén Davide Salvado, Secho, Ugia Pedreira, Cristina Pato e mais a Coral de Padrón. Finalmente, a Fundación Rosalía de Castro distinguirá a familia de Xosé Villar Granjel, “persoa clave na recuperación e compra da Casa da Matanza en 1946 para convertela en casa museo”. O luns, 15 de xullo, haberá ofrenda floral no cemiterio de Adina, onde a poeta foi soterrada orixinalmente.
Abride a Fiestra organízao a fundación con apoio da Deputación da Coruña, a Xunta e o Concello de Padrón, e patrocinio de empresas privadas.