O Festival Resis pecha a súa sexta edición esta semana

O Quatuor Diotima.

O sábado 6 de maio será o último día de programación, cun concerto que involucra á comunidade xorda e coa actuación de Quatuor Diotima, un dos máis recoñecidos cuartetos de corda.

O Festival Resis pecha esta semana a súa sexta edición, cunha ampla proposta de actividades. Hoxe, o Teatro Rosalía de Castro acolle ás 20 hora o concerto Só hai horizonte. A cita estará a cargo da Sinfonietta da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) que, baixo a dirección de José Trigueros, propón dúas obras: Ramifications, do compositor György Ligeti a quen o festival homenaxea no seu centenario; e Só hai horizonte, peza de Juan Vara e Manuel del Río que dá nome ao concerto e que se estrea a nivel mundial. As entradas ao concerto son gratuítas até completar o aforo. 

Na quinta feira, 4 de maio, presentarase o concerto Plasma, froito do programa de Residencias Artísticas do Gaiás. A obra recolle as ideas da vangarda da música académica europea cos últimos avances tecnolóxicos, propoñendo un espazo para o diálogo e o pensamento crítico ao redor das dinámicas de crecemento e o desenvolvemento técnico na nosa realidade contemporánea. 

 

 

Plasma , que ofrece obras de Huhui Cheng, Marisol Jiménez e Pedro González, poderá tamén visitarse en formato de instalación de realidade virtual no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura durante a fin de semana do 13 e 14 de maio. 

O programa da última semana do Resis 2023 complétase o sábado, 6 de maio, co concerto A Proxección Sonora II, para percusión e luz deseñado co obxectivo de achegar a música experimental contemporánea ao público e ás personas con discapacidade auditiva en particular, terá lugar ás 13 horas no museo Muncyt. 

Resis 2023 clausurarase con  Gran Torso V, a cargo de Quatuor Diotima, un dos cuartetos de corda máis recoñecidos internacionalmente, que  interpretará o cuarteto nº 2 de Ligeti, a Grosse Fugue de Beethoven e o cuarteto º 3 de Helmut Lachenmann. Será o sábado 6 de maio, ás 21 horas, na igrexa de Santiago.